A oitava promoción de talentos matemáticos de Estalmat inicia este sábado as actividades deste programa de estímulo

Os 25 rapaces e rapazas de 12 e 13 anos que conforman a oitava promoción do proxecto de estímulo do talento matemático (Estalmat) iniciaron este sábado 20 a súa participación neste programa, nunha sesión na Aula Magna da Facultades de Matemáticas e na que estarán acompañados das súas familias, autoridades académicas e equipo docente do proxecto. Ao final da sesión, o alumnado recibirá a súa acreditación para logo dirixirse ao campamento matemático que durante a fin de semana se vai celebrar no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Vilamaior na Coruña, que supón unha toma de contacto entre os participantes desta promoción nun ambiente lúdico-matemático. O acto de apertura presidiuno o reitor Juan Viaño, quen ademais é presidente do comité organizador de Estalmat, xunto a quen tamén estiveron presentes a coordinadora xeral de Estalmat Galicia, a profesora Elena Vázquez Cendón, a vicedecana da Facultade de Matemáticas, Rosa Crujeiras, ademais dos representantes dos patrocinadores do programa. Completarán a mesa o coordinador académico de Estalmat Galicia, Víctor Pollán Fernández, a coordinadora das familias, Covadonga Rodríguez Moldes Rey, e a secretaría do comité organizador, Marina Gemiñás Miguéns. O alumnado que conforma a promoción 2014 seleccionouse entre os 298 rapaces e rapazas presentados ás probas celebradas o pasado 7 de xuño procedentes de toda Galicia e nacidos entre 2001 e 2002. As probas concorreron 180 rapaces e 118 rapazas, procedentes na súa maioría das provincias da Coruña (158) e Pontevedra (98), seguidas de Lugo (27) e Ourense (15), tanto do ensino público (201) como privado (97). Os 25 seleccionados (17 rapaces e 8 rapazas) proceden igualmente das catro provincias, 13 da Coruña, 7 de Pontevedra, 3 de Ourense e 2 de Lugo. Dende os seus inicios, Estalmat Galicia ten examinado na Facultade da USC a máis de 2.000 estudantes con potencial talento matemático e seleccionado a 200 rapaces/zas para incorporar ás súas actividades. Durante o curso o estudantado seleccionado seguirá un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende o ano 1998 vén implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia e Cantabria. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados do curso académico. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. Estalmat Pi Á semana seguinte, o próximo día 27, comezarán as súas actividades o alumnado do 2º ano da promoción 2013. Ademais, Estalmat-Galicia mantén o programa ESTALMAT Pi, dirixido a manter o contacto con promocións anteriores dous anos máis a través de actividades impartidas en seis sábados do curso. O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e o CSIC e conta co apoio financeiro da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT). ESTALMAT-Galicia, pilotado pola Facultade de Matemáticas da USC, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das deputacións da Coruña e Lugo e o Concello de Guitiriz.