Ir o contido principal
STG

A Olimpíada Galega de Química celébrase este venres

Santiago e Lugo son dúas das cinco sedes que acollerán as probas

As probas correspondentes á vixésimo sétima Olimpíada Galega de Química, organizada polo Colexio Oficial de Químicos e a Asociación de Químicos de Galicia, desenvolveranse este venres 26 de xeito simultáneo en Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña e Vigo.
Nestas probas participarán un total de 160 alumnos de Bacharelato de centros públicos, concertados e privados, dos que se seleccionarán tres por cada distrito universitario para representar a Galicia na XXIII Olimpíada Nacional que se celebrará en Sevilla do 30 de abril ao 2 de maio. Os catro primeiro clasificados na fase nacional representarán a España na Olimpíada Internacional, que terá lugar en Xapón no mes de xullo, e na Olimpíada Iberoamericana en México en outubro.
Na fase local, que comezará ás 16:30 horas deste venres, os estudantes terán que resolver dúas probas que consistirán na resolución de problemas e na interpretación de conceptos teóricos e o desenvolvemento dun suposto práctico de laboratorio. En Lugo a selección levarase a cabo na planta baixa da Facultade de Ciencias e en Santiago na aula de Bioloxía da Facultade de Químicas.
Un xurado, presidido polo catedrático da USC Juan Antelo Cortizas, decidirá o nome dos gañadores que se publicarán na web do Colexio de Químicos de Galicia (http://www.colquiga.org/).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.02.2010.