A Olimpíada Iberoamericana de Matemática Universitaria dispútase este sábado
A Olimpíada Iberoamericana de Matemática Universitaria disputará este sábado 17 a súa décimo quinta edición, convocada en España pola Real Sociedade Matemática Española, baixo a organización do Centro de Investigación en Matemáticas, A.C. (CIMAT) de México. Esta é unha cita que se disputa de xeito simultáneo en diversos países e que na USC se celebrará na Facultade de Matemáticas a partir das 9.00 horas. Esta Olimpíada consta dunha única proba de sete problemas nunha sesión cunha duración máxima de cinco horas. A puntuación final de cada participante obterase da suma das catro maiores que reciba nos sete problemas, que deberán cubrir diferentes campos das matemáticas no ensino universitario con diferentes graos de dificultade. Os problemas propostos para a súa posible inclusión na proba someteranse ao Comité Organizador polos países organizadores e participantes. A competición está aberta ao estudantado universitario actualmente matriculado nalgún grao. Unha vez efectuada a proba, cada país poderá remitir á Coordinación Central unha relación cos detalles e resultados, ordenados por puntuación, de ata un máximo de 10 persoas que se converterán nos representantes oficiais do país.