Ir o contido principal
STG

A Olimpíada Solidaria de Estudo trocará horas de estudo por euros para axuda humanitaria en Malí

O estudantado intercambiará horas de estudo por axuda humanitaria. Foto: Santi Alvite
O estudantado intercambiará horas de estudo por axuda humanitaria. Foto: Santi Alvite
O alumnado que desenvolva o seu tempo de estudo nas bibliotecas da USC pode rexistrar as horas que invista a través dun código QR situado na entrada da biblioteca e que permitirá que, por hora de estudo rexistrada, a persoa usuaria doe 1 euro

A vixésimo primeira edición da Olimpíada Solidaria de Estudo bota a andar o vindeiro 15 de febreiro coa participación da USC, de xeito que o alumnado que desenvolva o seu tempo de estudo nas bibliotecas da Universidade poderá rexistrar as horas que invista e trocalas por euros para un proxecto humanitario, neste caso en Malí.

Por cada hora de estudo rexistrada, a persoa usuaria doará 1 euro que se transformará en axuda humanitaria para apoiar 250 mulleres rurais de catro aldeas da Comuna de Mandei (Malí) que buscan un futuro mellor para as súas nenas e nenos, que merecen o acceso a educación e unha alimentación saudable. O proxecto inclúe unha granxa piloto situada entre as aldeas de Samale e Samanyana. 

En concreto, no Campus de Santiago, participan as bibliotecas Concepción Arenal, Xeral, Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Enfermaría, Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina e Odontoloxía, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química, e Xeografía e Historia. En Lugo, involucráronse na Olimpíada Solidaria a Bibliotecas Intercentros, xunto coas de Formación do Profesorado e Veterinaria. A iniciativa esténdese ata o 15 de marzo. 

A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través da cal a mocidade pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. Na última edición houbo unha participación de 1.875 estudantes e unha recadación de 6.368 €/horas destinadas á formación de profesionais na saúde mental para o restablecemento psicolóxico das mulleres, nenas e nenos superviventes, vítimas dos conflitos bélicos da provincia de Kivu Sur, na República Democrática do Congo.

Desenvolverase do 15 de febreiro ao 15 de marzo
Desenvolverase do 15 de febreiro ao 15 de marzo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.02.2025.