Ir o contido principal
STG

A ONG Vida Independente de Galicia (Vigalicia) preséntase este martes na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega

A ONG Vigalicia (Vida Independente de Galicia) presentarase en roda de prensa este martes, día 20, na Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega da USC nun acto que se vai celebrar a partir das 13:00 horas. Esta ONG está integrada por un grupo de mulleres e homes con diversidade funcional severa que non aceptan a discriminación polo feito de ser diferentes, que queren igualdade de oportunidades para participar plenamente na sociedade e desexan elixir como vivir as súas vidas.
No transcurso desta roda de prensa, os integrantes de Vigalicia acompañados por representantes do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC presentarán o percorrido e o traballo que a ONG realiza coas institucións para a posta en funcionamento dun sistema de asistencia persoal que proporcione igualdade de oportunidades e vida independente ás persoas con diversidade funcional severa.
Os membros de VIGALICIA participaron na elaboración da Lei de promoción de autonomía persoal e atención as persoas en situación de dependencia, a través da comparecencia no Congreso dos Deputados, na comisión do Pacto de Toledo, onde fixeron achegas para a mellora do anteproxecto de lei. Ademais, posúen unha ampla e recoñecida traxectoria en España e Europa no eido das persoas en “situación de dependencia”, como impulsores de modelos organizativos para a vida independente. Neste senso, a Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, a través do Servizo de Participación e Integración Universitaria, colabora habitualmente con Vigalicia no desenvolvemento dos seus proxectos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2007.