Un paseo matemático por Santiago de Compostela
A Facultade de Matemáticas da USC organiza para este sábado 4 de maio un paseo matemático pola cidade da man da profesora do IES de Ordes, Pilar García Agra. Quen desexe participar nesta actividade, para a que non son necesarios coñecementos previos de matemáticas, deberá acudir ás 11.00 horas ao Museo do Pobo Galego. No paseo comprobarase cómo aos moitos atractivos que ten a cidade se engaden elementos e propiedades matemáticas onde menos se espera. Comprenderase así a beleza que se pode xerar cun adecuado emprego de formas e propiedades xeométricas e adestrarase a mirada para captar as relacións matemáticas que ás veces se esconden nos obxectos máis inesperados A actividade organízase no marco da exposición RSME-Imaginary-Santiago que permanece aberta na Igrexa da Universidade ata o 16 de maio.