Ir o contido principal
STG

O Pazo de Montenegro reforzará a presenza institucional da USC na cidade de Lugo como espazo cultural

Antonio López, entre Elvira López Mosquera, e Francisco Fraga, no lugués Pazo de Montenegro
Antonio López, entre Elvira López Mosquera, e Francisco Fraga, no lugués Pazo de Montenegro
O reitor Antonio López reitera o “fondo compromiso” cunha sede universitaria luguesa que ten “proxecto actual e de futuro” e adianta a apertura dunha tenda institucional na sede de Pío XII a fin de potenciar o dinamismo dun edificio conectado coa Domus do Mitreo, que este ano xa recibiu máis de 18.000 visitantes
Lugo

O Pazo de Montenegro permitirá reforzar a imaxe institucional e a presenza da USC na cidade de Lugo como espazo integrado nas dinámicas do tecido cultural, turístico e económico da capital luguesa, segundo manifestou este venres o reitor Antonio López nun acto no que reiterou que “a USC non contemplou en ningún momento o peche e moito menos o desmantalemento desta infraestrutura universitaria”.

O reitor da USC expresou a súa sorpresa diante da polémica xurdida por mor do traslado da actividade administrativa que viña desenvolvendo a institución académica no edificio do casco histório de Lugo a outras dependencias do campus universitario, unha decisión xa anunciada e consensuada con antelación e coa que se busca “unha maior eficiencia do labor administrativo e de xestión que desenvolve tanto o vicerreitor do Campus de Lugo como o resto do persoal universitario”.

“A Universidade ten un compromiso fondo e decidido co Campus de Lugo”, sentenciou o reitor Antonio López, para logo engadir que “a sede universitaria luguesa conta cun proxecto actual e de futuro”. Basta lembrar a recente posta en marcha da última fase do proxecto do campus de especialización Campus Terra, que contempla unha inversión de 4 millóns de euros na sede universitaria luguesa nun horizonte de catro anos”, dixo.

O incremento do alumnado de nova matrícula no Campus de Lugo en máis dun 40% nos últimos cursos dá boa conta do compromiso e da aposta clara que está a facer USC por unha sede universitaria que conta con centros de referencia e con titulacións, tales como Veterinaria ou as enxeñarías agroforestais e civís impartidas na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) acreditadas por organismos nacionais e entidades internacionais.

“A ratio de alumnado por profesor no Campus de Lugo é de un docente por cada dez estudantes, case a metade da que hai nos campus de Santiago”, precisou Antonio López, ao tempo que indicou que a cifra de matriculados en Lugo representa un 15% do total do alumnado da USC mentres que o cadro docente deste campus supón o 22% do profesorado universitario. Ademais, engadiu o reitor, nos últimos catro anos, a USC creou 205 prazas de profesorado axudante doutor, das que 57 están en Lugo, unha sede universitaria na que tamén se crearon neste tempo 21 prazas de profesorado contratado doutor e outras 22 de catedrático de universidade.

Esta realidade proba o compromiso da USC co Campus de Lugo, ao tempo que actúa como mostra de gratitude co Concello e a Deputación de Lugo, dúas administracións coas que mantemos unha colaboración intensa e continuada en múltiples proxectos e actuacións. A posta en marcha da Granxa Experimental Gayoso ou a futura creación dunha granxa de porcino en colaboración coa Deputación e Asoporcel son exemplos deste traballo conxunto, sinalou.

Espazo institucional e usos culturais

O Pazo de Montegro mantén as funcións de espazo institucional e de representación da USC en Lugo, ao tempo acubillará as actividades culturais xa previstas e incluso verá reforzada a súa actividade coa posta en marcha das diferentes accións culturais incluídas no programa Impluvium, unha nova proposta que xa temos moi avanzada e que contribuirá a encher de vida un edificio, cuxa planta inferior acollerá unha tenda institucional da USC.

A apertura desta nova instalación nun enclave conectado coa Casa do Saber e co Museo Universitario A Domus do Mitreo, que este ano xa recibiu máis de 18.000 visitantes, dos que preto dun 10% procedían do estranxeiro e máis da metade doutras rexións españolas distintas a Galicia, reforzará tamén os fluxos turísticos neste enclave do caso histórico de Lugo, no que conflúen tres Patrimonios da Humanidade.

A celebración das sesións do ciclo de divulgación científica ‘DivúlgaT’, proxectadas para este mes de novembro na Casa do Saber, a organización dos obradoiros deseñados no marco da iniciativa ‘Corresponsables’, promovida en colaboración coa Xunta de Galicia e na que se agarda de participación de arredor de 500 mozos e mozas, ou a próxima reunión de directores e directoras de Hospitais Veterinarios de España, constitúen, entre aoutras, algunhas das accións máis ou menos inmediatas que se desenvolverán nos distintos espazos do Pazo de Montenegro, indicou o reitor Antonio López no marco dun acto no que estivo acompañado polo vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, e pola delegada da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera.

Infografía da tenda institucional que proxecta abrir a USC na Praza de Pío XII, en Lugo
Infografía da tenda institucional que proxecta abrir a USC na Praza de Pío XII, en Lugo
Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2022.