Permanece aberto o prazo de inscrición para o curso de Especialista en Seguridade Social da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo
O prazo de inscrición para o curso práctico de Especialista en Seguridade Social da Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Lugo permanecerá aberto ata o vindeiro 24 de outubro.
Este curso está dirixido a licenciados en Dereito, Ciencias do Traballo, diplomados en Relacións Laborais, outras titulacións vinculadas e profesionais do ámbito e celebrarase entre novembro e xuño, os xoves e venres en horario de tarde.
Os profesores encargados do desenvolvemento das sesións docentes pertencen ás universidades de Santiago, Vigo e Coruña, xunto aos que tamén participarán maxistrados do Tribunal Supremo, do Tribunal Superior de Xustiza, así como de xulgados especializados na xurisdición social, técnicos do Instituto Nacional da Seguridade Social, ou da Tesourería Xeral da Seguridade Social, entre outros.
O programa do curso consta de tres partes, as dúas primeiras de carácter teórico e a terceira eminentemente práctica. Entre os contidos cos que traballarán os alumnos atópase a evolución histórica da Seguridade Social e a súa xestión, o nivel contributivo de prestacións e réximes especias, dereito internacional no ámbito da Seguridade Social ou a tutela administrativa e xudicial.