Ir o contido principal
STG

O Persoal de Administración e Servizos e o Docente e Investigador da USC elixen aos seus representantes sindicais nos Comités de Empresa e na Xunta de Persoal

O Persoal de Administración e Servizos e o Docente e Investigador da Universidade de Santiago elixen este mércores, día 21, aos seus representantes sindicais no Comité de Empresa e na Xunta de Persoal, tanto do Campus de Santiago como do de Lugo. As mesas electorais permanecerán abertas en horario de 10:00 a 18:00 horas.
Os colectivos con dereito a exercer o voto nestas eleccións sindicais son o PDI funcionario e laboral, e o PAS funcionario e laboral, este último articulado en Técnicos e Administrativos e Especialistas e non Cualificados.
Para o PDI funcionario haberá mesas de votación, en Santiago, en Bioloxía, Dereito, Farmacia, Física, no edificio central das facultades de Ciencias da Educación e Psicoloxía, en Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía, Medicina e Odontoloxía, Química e en Xeografía e Historia. Pola súa banda o PDI laboral poderá votar en Ciencias Económicas e Empresariais e en Química.
No Campus de Lugo, as mesas para PDI funcionario emprazaranse na EPS, na Facultade de Ciencias e na Escola Universitaria de Maxisterio, mentres que o PDI laboral votará na EPS.
Para o PAS, tanto funcionario como laboral, a mesa estará situada no Colexio de San Xerome de Santiago e na Vicexerencia de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2007.