Persoal investigador e representantes da administración e a empresa debaterán sobre o potencial da economía circular
A partir da idea de que a Economía Circular é unha das principais estratexias actuais europeas para xerar crecemento e emprego, o Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación da USC organiza unha actividade formativa aberta ao público sobre esta cuestión. Como explica a Fundación para a Economía Circular, este é un concepto económico interrelacionado coa sustentabilidade e “cuxo obxectivo é que o valor dos produtos, materiais e recursos se manteñan na economía durante o maior tempo posible” ao tempo que se reducen ao mínimo a xeración de residuos.
‘Economía circular: un novo modelo produtivo para saír da crise’ é o lema destas xornadas, nas que se inclúe a visión de investigadores, así como de representantes de administracións públicas para explicar as iniciativas que se están a desenvolver neste eido. Tamén participarán representantes da Fundación para a Economía Circular co fin de analizar a situación en España e de empresas de distintos sectores que xa están aplicando os principios de economía circular na súa actividade. Tras as celebración de cada unha das mesas temáticas abrirase un tempo para o debate cos asistentes.
A xornada celebrarase os vindeiros días 30 e 31 de marzo no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, organizadas as intervencións en catro mesas temáticas cos lemas Economía circular: a senda cara á sustentabilidade?; Aposta pola economía circular: as iniciativas do sector público; o estado da cuestión en España; e negocios en economía circular: iniciativas empresariais, con especial atención aos sectores de servizos, industrial e o agrario.
O lugar de celebración será o salón de graos da Facultade de Cc. Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, o xoves 30 e venres 31 de marzo.