Ir o contido principal
STG

Pilar Bermejo, nova presidenta da Conferencia Española de Decanos e Decanas de Química

Pilar Bermejo, nova presidenta da Conferencia Española de Decanos e Decanas de Química
Pilar Bermejo, nova presidenta da Conferencia Española de Decanos e Decanas de Química

A profesora da USC e decana da Facultade de Química da USC acaba de ser elixida presidenta da Conferencia Española de Decanos e Decanas de Química. A decisión tomouse nunha reunión celebrada na Universidade Complutense de Madrid.

Catedrática de Química Analítica dende 1991, Pilar Bermejo desenvolve o seu labor docente na USC dende 1978. Foi vicedecana da Facultade de Química entre 1980 e 1990 e dirixiu o Departamento de Química Analítica entre 1998 e 2006. En 2014 converteuse na primeira muller decana do centro compostelán.

Ademais, coordinou o programa piloto ECTS na área de Química entre 1990 e 1996 e a rede ECTN (European Chemistry Thematic Network) participando no intercambio de máis dun centenar de estudantes entre diferentes universidades europeas e de Estados Unidos e Canadá, nestes últimos países a través do programa TASSEP.

Pertence a numerosas sociedades científicas, como a Real Sociedade Española de Química, a Sociedade Española de Química Analítica, a Sociedade de Espectroscopía Aplicada ou a Sociedade Española de Bioquímica Clínica e Patoloxía Molecular. Ademais é fellow da Royal Chemistry Society (UK), da American Chemical Society (USA) e da Federation European of Trace Elements and Minerals.

Dirixe o grupo de investigación de Elementos Traza, Espectroscopía e Especiación da USC dedicado ao desenvolvemento de metodoloxía analítica para o estudo dos elementos traza en medios biolóxicos e ambientais, estudos de especiación, metalómica e metaloproteómica, así como de biodispoñibilidade. Nestas liñas publicou mais de 300 traballos de investigación, dirixiu 30 teses de doutoramento e máis de 25 proxectos de investigación, así como diferentes contratos con empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2016.