Ir o contido principal
STG

O Plan de Desenvolvemento Sostible da USC organiza un seminario sobre horticultura urbana

O Plan de Desenvolvemento Sostible da USC organiza un seminario sobre horticultura urbana
O Plan de Desenvolvemento Sostible da USC organiza un seminario sobre horticultura urbana
Enmarcado no proxecto de hortos urbanos na USC, celebrarase simultaneamente en Santiago e Lugo o 22 de xaneiro por videoconferencia

Co obxectivo de afondar no coñecemento da horticultura urbana, a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza o vindeiro martes 22 en Santiago e Lugo, simultaneamente, un seminario sobre Horticultura Urbana en Ecolóxico que impartirá Isabel Barrio, colaboradora da Asociación Galega de Horticultura Urbana (AGHU). Nos últimos anos, as iniciativas ligadas á horticultura urbana multiplicáronse de xeito exponencial ao redor do mundo, atopando exemplos en cidades, vilas e barrios de moi distintos países onde, adaptando os sistemas de produción ás circunstancias particulares, se teñen obtido resultados destacados, tanto no que respecta á produción de alimentos como na dinamización social de zonas deprimidas a través de hortos comunitarios. Neste senso, como apuntan dende a Oficina de Desenvolvemento Sostible, un pequeno balcón, unha terraza, unha xardineira ou mesmo o tellado dunha vivenda poden converterse nun espazo onde cultivar hortalizas e obter alimentos dun xeito sinxelo e divertido. Nesta liña, o proxecto de Hortos Urbanos do programa USC en Transición propúxose tamén experimentar este tipo de agricultura, con dúas experiencias de cultivo en contedor, unha na Facultade de Formación do Profesorado, en Lugo, e outra na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, que veñen a complementar os hortos en terra creados en diversos puntos dos Campus. O seminario do vindeiro martes 22, de entrada libre ata completar o aforo, impartirase ás 19.30 horas na Sala de Videoconferencias da Facultade de Filoloxía, en Santiago, nunha sesión simultánea que se poderá seguir en Lugo na Sala de Xuntas da Facultade de Formación do Profesorado. Deste xeito, o programa USC en Transición quere subliñar tamén a posta en práctica de medidas de aforro enerxético que o propio programa pretende impulsar. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Oficina de Desenvolvemento Sostible na Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade (r/ Nova, 6-2º ou contactar por calquera outro medio (teléfonos 881.811.317 – 881.811.359; correos electrónicos plands [at] usc.es (plands[at]usc[dot]es) - entransicion [at] usc.es (entransicion[at]usc[dot]es), web: www.usc.es/pds - www.usc.es/entransicion.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.01.2013.