As políticas educativas e o compromiso social, a análise nun curso dirixido polo catedrático da USC Miguel Anxo Santos
Para coñecer o grao de compromiso social nos temas educativos, o catedrático da USC, Miguel Anxo Santos, dirixe o curso ‘Políticas educativas e compromiso social. O progreso da calidade e a equidade’ que terá lugar do 17 ao 21 de setembro en Pontevedra no marco das actividades programadas pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP).
O seminario, cuxo prazo de matrícula xa está aberto, valídase con dous créditos de libre configuración para as tres universidades galegas. Ademais, a UIMP ofrece bolsas para asistir ao curso que os interesados deberán solicitar antes do 15 de xuño.
As xornadas inauguraranse coa conferencia ‘A política educativa en Galicia: garantir a equidade e crecer en calidade’ que pronunciará a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón. Deseguido, nas dúas primeiras sesións abordaranse temas como o retraso social e educativo de España, a investigación educativa, as desigualdades na infancia, o papel da etnia xitana na educación, a inmigración ou as reformas escolares.
A situación do sistema educativo en Galicia, a mellora dos centros educativos, a escola rural, o compromiso local en España ou o papel da sociedade civil serán outras das cuestións a tratar o mércores 19 e o xoves 20.
No transcurso da última xornada, o profesor da USC e director da UIMP en Galicia, Xosé Luís Barreiro Rivas, pronunciará o relatorio titulado ‘Educación para a cidadanía. Equidade e calidade na aprendizaxe da participación’ e asistirá ao acto de clausura xunto coa conselleira de Educación.
Neste curso tamén participarán varios profesores da USC, entre eles, Mar Lorenzo, como secretaria; ou Agustín Godás, Antón Costa e José A. Caride en calidade de conferenciantes.