Ir o contido principal
STG

O Premio Nobel de Física en 1999, Gerardus 't Hooft, intervén a vindeira semana no Programa ConCiencia

O Premio Nobel de Física en 1999, Gerardus 't Hooft, estará en Santiago a vindeira semana convidado polo Programa ConCiencia que organiza a USC en colaboración co Consorcio da cidade e a Fundación Caixa Galicia. Ademais de reunirse o mesmo luns con investigadores universitarios, o científico impartirá o martes 16 unha conferencia aberta ao público en xeral baixo o título ‘O futuro da ciencia’.
Os detalles da súa visita a Santiago explicaraos o propio Gerardus 't Hooft nunha rolda de prensa a celebrar este luns, día 15, ás 11:30 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca. Estará acompañado polo director do Programa ConCiencia e profesor da USC, Jorge Mira, e polo investigador do Instituto de Física Teórica da Universidade de Utrecht, Ángel Paredes Galán. Deseguido trasladarase ao Centro de Estudos Avanzados para reunirse con investigadores da USC.
Gerardus 't Hooft, considerado un dos físicos teóricos más brillantes das últimas décadas, recibiu o Nobel por esclarecer a estrutura cuántica das interaccións electrodébiles en física, unha das catro interaccións fundamentais da natureza, responsable de gran cantidade de procesos radiactivos que, por exemplo, manteñen en funcionamento os ciclos do Sol.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.12.2008.