Ir o contido principal
STG

O Premio Nobel de Física Serge Haroche, próximo convidado do Programa ConCiencia

O Premio Nobel de Física Serge Haroche, próximo convidado do Programa ConCiencia
O Premio Nobel de Física Serge Haroche, próximo convidado do Programa ConCiencia
A retroalimentación da investigación básica e a innovación tecnolóxica, tema da súa conferencia

O premio Nobel de Física en 2012, Serge Haroche (Casablanca, 1944), é o próximo convidado do programa de divulgación científica ConCiencia que desenvolve a USC co apoio do Consorcio de Santiago. A visita do físico francés terá lugar en dúas semanas e culminará o mércores 19 coa conferencia pública titulada ‘Como se nutren mutuamente a investigación fundamental e a innovación tecnolóxica’.

Haroche, na actualidade investigador e profesor no Collège de France (París ), recibiu o Premio Nobel xunto con David J. Wineland por descubrir uns innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais.

Nado en Marrocos, Haroche trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou a quen sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Observar estados cuánticos
A medida que nos achegamos aos compoñentes máis minúsculos do universo, a nosa comprensión habitual de como funciona o mundo deixa de aplicarse. Nese campo, o da física cuántica, fanse patentes novas regras que parecen sorprendentes, como a que di que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento.

Diante desta afirmación, nos anos 80 do século pasado Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Así, deu capturado e estudado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos de xeito que facía pasar átomos a través dela.

Co seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles, algo considerado ata entón inexpugnable, senón tamén controlalos, o que supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2017.