Ir o contido principal
STG

Os Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC recoñecen o traballo de catro equipos da USC

O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Ana Mª Soto Campos no CRETUS. FOTO: RAGC
O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para o grupo coordinado por Ana Mª Soto Campos no CRETUS. FOTO: RAGC
Os galardóns outorgaranse o 28 de xaneiro nun acto que terá lugar no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da Real Academia Galega de Ciencias
Santiago de Compostela

Un total de catro equipos da USC acaban de ser recoñecidos no marco dos Premios de Investigación que, de xeito conxunto, impulsan a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Fundación Barrié, destinados a recoñecer as mellores investigacións que se desenvolven na comunidade galega en Ciencias Básicas, Técnicas e Sociais. Os galardóns outorgaranse o 28 de xaneiro nun acto que terá lugar no Pazo de San Roque de Santiago, coincidindo coa apertura do curso académico da RAGC.

Xelatina coa pel do peixe

O premio na categoría de Ciencias Técnicas foi para un traballo presentado por Cristina Gallego Rodríguez, do grupo de Procesos de separación sostibles que coordina Ana Mª Soto Campos, do Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). O seu traballo aborda un dos grandes retos actuais da industria pesqueira: que facer cos enormes volumes de subprodutos que se xeran, como a pel do peixe. O equipo propón un xeito innovador e máis sustentable de aproveitar este material, empregándoo para obter xelatina de alta calidade mediante o uso de disolventes eutécticos. “Estes disolventes permiten substituír os tratamentos químicos agresivos tradicionais por un proceso máis respectuoso co medio, mellorando ademais o rendemento da extracción e as propiedades funcionais da xelatina obtida”, explican dende o grupo. Os resultados amosan que, axustando adecuadamente as condicións do proceso e a especie de peixe —centráronse en particular no atún—, é posible producir xelatinas con excelentes capacidades. Ademais, a posibilidade de adaptar o proceso en función da materia prima e as propiedades finais desexadas, abre novas oportunidades industriais nos sectores alimentario, farmacéutico e cosmético.

Baterías máis rendibles

Na categoría de Ciencias Básicas concedéronse dous accésits. Un foi para o equipo de Manuel Souto Salom, do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS). O grupo avanza no uso de eléctrodos orgánicos en baterías debido ás súas vantaxes ambientais, económicas e tecnolóxicas fronte aos eléctrodos inorgánicos tradicionais. Salientan que “os materiais orgánicos permiten reducir a dependencia de metais críticos como o litio, o cobalto ou o níquel, cuxa extracción leva altos custos ambientais e sociais. Ademais, a súa lixeireza e flexibilidade fai posible o desenvolvemento de baterías máis ergonómicas, adaptables e biodegradables”. Con todo, un dos principais desafíos é a baixa condutividade electrónica de moitos compostos orgánicos e a tendencia dalgúns materiais a disolverse no electrolito. Para superar estas limitacións, deseñaron e sintetizaron un novo polímero orgánico poroso, que, unido a nanotubos de carbono, alcanza densidades enerxéticas superiores a moitos materiais orgánicos. A súa reciclabilidade facilita a recuperación e reutilización dos materiais ao final da vida útil das baterías. En canto ao seu rendemento, estes compostos ofrecen tempos de carga rápidos e unha boa capacidade de almacenamento.

Modelización matemática

Outro dos accésit no eido das Ciencias Básicas foi para Hamza Al-Shdaifat e Rosana Rodríguez, da Facultade de Matemáticas da USC. O seu traballo, de carácter teórico, versa sobre novidosos conceptos de integrais e derivadas de utilidade para resolver problemas complexos en física e enxeñaría, a través do modelado de fenómenos que presentan unha dinámica non estándar como é o caso dos procesos "con memoria". Entre as posibles aplicacións do seu achado, destaca a modelización matemática ou computacional de fenómenos onde é preciso incorporar a historia do proceso.

Resiliencia das pemes

Na categoría de Ciencias Sociais outorgouse un accésit a un grupo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, liderado por María Garrido Ruso. Realizaron un estudo que analiza o impacto das prácticas ambientais, sociais e de gobernanza (ESG) no rendemento, o risco e a resiliencia das pemes. A partir dunha mostra de máis de 500 pemes galegas, desenvolveron un índice ESG especificamente adaptado a pequenas empresas e conclúen que non existe unha relación directa entre a implantación global deste tipo de prácticas e a mellora do rendemento financeiro. Con todo, ao analizar as distintas dimensións por separado, observaron que as prácticas ambientais, e especialmente as laborais, poden xerar efectos positivos nalgúns indicadores económicos e na capacidade de resistencia das empresas en contextos de crise como a pandemia da COVID-19. O estudo ofrece orientacións para persoal directivo, ao demostrar que a sustentabilidade non debe abordarse de forma agregada, senón priorizando aquelas áreas —como o capital humano— que xeran un maior retorno económico e social nas pequenas empresas.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.01.2026.