Presentación en Lugo dun novo número da revista de lingüística Moenia
A revista Moenia, elaborada desde o Departamento de Lingua e Literatura Españolas do Campus de Lugo, presenta este mércores 29, o volume correspondente ao ano 2011. A publicación centra nesta ocasión os contidos dos seus artigos no ámbito da lingüística, tanto xeral como hispánica ou clásica. No acto de presentación, que terá lugar ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Humanidades, participan o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a decana da Facultade de Humanidades, Mª Isabel González Rey; un dos directores da publicación, Alexandre Veiga Rodríguez; e o director do Servizo de Publicacións e Intercambio científico da USC, Juan L. Blanco Valdés. Moenia comezou a súa andaina no ano 1995, o que a converte na máis antiga (e tamén na de maior difusión) das publicacións de investigación elaboradas no campus de Lugo. Durante estes dezasete anos, a revista publicou artigos de referentes da lingüística tan relevantes como Noam Chomsky, André Martinet e Eugenio Coseriu. Neste número a publicación achega 15 novos artigos procedentes do ámbito académico galego, nacional e internacional, nos que se tratan aspectos tan dispares como a capacidade lingüística do home de Neandertal, a influencia socio-cultural na elección dos nomes de pía ou a relación entre ecoloxía e lingua. A periodicidade da revista é anual, e nela altérnanse os contidos lingüísticos e os literarios. Os seus responsables están xa a traballar no número 18, correspondente a 2012, que estará dedicado ao ámbito literario.