Presentado o Informe 2022 sobre Formación Universitaria en Economía Social

O Informe 2022 sobre Formación Universitaria en Economía Social conclúe que as institucións vinculadas á Rede ENUIES imparten un total de 9.300 horas de formación superior especializada neste eido de coñecemento. Na primeira edición desta análise, evidénciase que son quince as universidades que desenvolven 50 accións formativas vinculadas á Economía Social en seis niveis: doutoramento (2), merstrado oficial (5), posgrao propio (15), cursos de extensión (5), materias de posgrao (10) e materias de grao (13). Estas universidades alcanzan un total de 932,1 créditos ECTS de peso docente da formación universitaria.
O informe foi presentado este xoves 23 nunha sesión presidida polo reitor Antonio López que se desenvolveu na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais no marco da capitalidade española da Economía Social, que ostenta a cidade de Santiago de Compostela. De feito, esta facultade da USC acolleu tamén este xoves a asemblea anual do Centro Internacional de Investigación e Información sobre Economía Pública, Social e Cooperativa, centro de referencia na investigación en cooperativismo e economía social. O acto realízase da man do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da USC, creado en 2002 como centro universitario mixto entre a institución compostelá e a Xunta de Galicia.
O documento, en cuxos detalles afondou a profesora da USC e directora do CECOOP, Maite Cancelo, constitúe o primeiro documento deste ámbito que se elabora dende as propias estruturas universitarias e académicas. O informe pon de manifesto que ao redor do 15% da formación universitaria en Economía Social realízase de forma presencial, mentres que o 45% mantén un formato en liña. Así mesmo, o 40% da formación ten unha modalidade híbrida ou mixta. O reparto é similar tanto se se mide por número de recursos formativos como por créditos ECTS, “demostrando a aposta que existe na formación universitaria en Economía Social por atender a un alumnado deslocalizado e disperso”, subliñan os e as responsables do informe.
O CECOOP está dedicado á investigación, formación e o estudo do cooperativismo na súa dimensión económica e xurídica, no ámbito galego, español, europeo e internacional. Actualmente o CECOOP está dirixido pola profesora Maite Cancelo Márquez, sendo o presidente do comité científico o profesor Manuel J. Botana Agra. O CECOOP é o centro de referencia en Galicia para a investigación en cooperativismo e economía social, coa realización de estudos de relevancia como os informes periódicos sobre a Economía Social en Galicia. Pola súa parte, a Rede ENUIES abrangue doce centros e institutos de investigación, así como quince cátedras institucionais. Ten presenza nas comunidades de Galicia, Andalucía, Aragón, Valencia, Madrid e País Vasco, alén de abarcar máis dun cento de persoal investigador a nivel estatal e internacional.
