Preséntase a Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia
O programa de investigación ‘As vítimas, os nomes, as voces e os lugares’ presentará este mércores 29 a Base de Datos das vítimas da guerra civil e a represión franquista en Galicia. A presentación terá lugar nun acto previsto para as 12:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC (p/ de Mazarelos).
Con esta presentación dáse a coñecer parte do traballo desenvolvido polo equipo de investigación, integrado por investigadores das tres universidades galegas, nos últimos anos referente ao estudo das vítimas da represión franquista entre 1936 e 1939. Apuntan os seus promotores que a base de datos “dista de ser definitiva, nin polo número, nin polo tempo que durou a represión da ditadura, nin polas formas que esta adquiriu”, e engaden que “todos os datos presentados están criticados, cruzados entre diferentes fontes e sometidos polo tanto a unha contrastación e validación que non sempre é doada”.
Conforman as fontes documentais expedientes dos procesos xudiciais (2.608-máis de 400.000 páxinas), rexistros civís dos concellos (310), fonte oral (100 entrevistas das 450 que posúen os fondos do proxecto aínda que o resto seguirán a incorporarse) e traballos publicados por diferentes autores nas últimas décadas (52).