Ir o contido principal
STG

Preséntase en Formación do Profesorado de Lugo unha tese sobre a avaliación das competencias básicas en Secundaria

O traballo de Alberto Picón Martínez analiza os datos recollidos nos 40 centros de secundaria da provincia de Lugo e noutros das principais cidades galegas

O venres 30 preséntase na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo a tese ‘Perspectivas da implantación de modelos de avaliación de aprendizaxes desde a xestión institucional’, de Alberto José Picón Martínez, bolseiro uruguaio do programa Erasmus Mundus.

No traballo de Picón analízase o grao de implantación da avaliación transversal das competencias básicas nos alumnos de secundaria (recollidas na Lei Orgánica de Educación - LOE, do ano 2006): comunicación lingüística, matemática, coñecemento e interacción co mundo físico, tratamento da información, competencia cultural e artística, competencia social e cidadá, capacidade para aprender a aprender e autonomía e iniciativa persoal.

Para este estudo, o autor mantivo entrevistas cos responsables do 40 institutos de secundaria da provincia de Lugo, así como doutros centros das principais cidades galegas: “As entrevistas realizáronse cos directores dos centros, que son os que teñen a responsabilidade e a capacidade de facer un seguimento do alumnado máis alá das súas capacidades nunha materia en concreto”, indica Picón.

As conclusións do estudo indican que este sistema de avaliación transversal das competencias básicas está aínda nunha fase inicial, “aínda que o proceso de implantación está xa iniciado”, e que algunhas competencias como lingua ou novas tecnoloxías, se encontran nunha fase máis avanzada de seguimento.

Segundo Picón, “este xeito de valorar as capacidades dun alumno implica outra maneira de entender a docencia, polo que é comprensible que a súa consolidación se contemple a longo prazo; pero o camiño xa está iniciado, e a súa consolidación xa se empeza a observar, sempre en función da implicación dos directores dos centros e do compromiso de cada un dos membros do cadro docente”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2012.