Preséntase na USC o estudo A propiedade do vento galego

A propiedade do vento galego é o título dun novo libro resultado dunha investigación realizada na USC que analiza en profundidade a xénese e o desenvolvemento do sector eólico en Galicia dende 1995 ata a actualidade. O volume, da autoría da profesora Rosa Mª Regueiro Ferreira e editado por Laiovento, preséntase este martes 24 ás 19.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O acto estará presentado pola decana da Facultade, Emilia Vázquez, e participarán nel os catedráticos de Economía Financeira e de Estrutura Económica, José Antonio Redondo e Xosé Manuel Beiras, respectivamente. No libro, Rosa Regueiro analiza e contrasta as políticas de fomento da enerxía eólica nos principais países produtores do mundo (China, Alemaña, Estados Unidos e España), en países pioneiros (Dinamarca, Reino Unido, Francia e Holanda) e en áreas potencialmente significativas (Xapón, Lituania e América Latina), tanto en enerxía eólica terrestre como en eólica offshore. O estudo céntrase na caracterización do marco normativo desenvolvido en Galicia analizando as diferentes etapas en función da normativa en vigor e determinando a potencia eólica instalada en cada unha desas etapas. Estuda ademais de xeito pormenorizado o concurso eólico do goberno bipartito da Xunta de Galicia así como o primeiro do actual goberno e define as súas fortalezas e debilidades. Ademais, a autora presenta a titularidade da potencia eólica instalada en Galicia de maneira que chega a configurar o actual atlas empresarial eólico de Galicia.