A presidenta de ‘Madres de la Plaza de Mayo’, Taty Almeida, fala este venres en Humanidades da ditadura militar en Arxentina
A presidenta da asociación ‘Madres de la Plaza de Mayo’, Taty Almeida, ofrecerá este venres, a partir das 11.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo, unha charla sobre a mostra ‘Eles queren contarnos’, unha exposición fotográfica e documental que permanecerá exposta no Museo Provincial de Lugo a partir das 20.00 horas e na que se presentan un total de 60 historias de vida de moza/os detidos/as e ou desaparecidos durante a ditadura militar arxentina.
A visita de Taty Almeida á Facultade de Humanidades de Lugo encádrase dentro do programa Culturas en Diálogo: Lugo-Arxentina, unha iniciativa sobre a que tamén este venres achegará máis información a xerente da rede museística provincial de Lugo, Encarna Lago, nun acto no que ademais de Taty Almeida tamén intervirá o conselleiro de Dereitos Humanos da Embaixada de Arxentina en Madrid, Carlos María Duhalde. A mostra ‘Eles queren contarnos’, en cuxa inauguración oficial participará tamén o escritor e profesor da USC na Facultade de Humanidades de Lugo Claudio Rodríguez Fer, chega a Lugo logo de percorrer distintas cidades españolas. Esta exposición inclúe fotografías, das persoas detidas e desaparecidas durante a ditadura militar arxentina, así como poemas, cartas e fotos das súas familias, entre outros materiais. O obxecto desta mostra pasa por servir de estímulo para que os mozas e as mozos reflexionen e afonden na construción do seu propio pensamento a partir das historias de vida e de militancia dalgunhas das 30.000 persoas desaparecidas durante este período de represión militar vivido en Arxentina.