Preto de 30 empresas galegas e do norte de Portugal participan no Encontro Transnacional de Empresas TIC
A incubadora de empresas da USC Uninova organiza o Encontro Transnacional de Empresas TIC de Galicia e Norte de Portugal que se celebrará nas instalacións de Casa Europa-Centro de Estudos Avanzados este martes, día 20. O encontro está enmarcado no Proxecto Europeo TRANSTIC-I.C.INTERREG IIIA, programa Transfronteirizo para a Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC. Na seu desenvolvemento colaboran BIC MINHO (Oficina da Inovaçao, S.A.).
No Encontro participarán un total de 26 empresas do ámbito xeográfico de Galicia e do norte de Portugal dedicadas ás tecnoloxías da información e das comunicacións. A iniciativa nace co fin de dinamizar as relacións económicas e comerciais entre empresas do sector das TIC establecidas nas dúas zonas xeográficas presentes e co obxectivo de crear un punto de encontro onde poidan xurdir acordos transnacionais no ámbito das novas tecnoloxías na Eurorexión Galicia-Norte de Portugal.
O Encontro desenvolverase en dúas fases diferenciadas, a primeira consistirá nunha ronda de presentacións por parte das empresas TIC e a segunda en sesións paralelas “one to one”, que permitirán o encontro individual entre as empresas participantes, así como estudos de propostas de colaboración en proxectos conxuntos de investigación e desenvolvemento.
A inauguración do encontro celebrarase a partir das 11:00 horas nun acto ao que asistirán o coordinador de Xestión e Promoción da Investigación da USC, Francisco Javier Sardina López; o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; o xerente de Uninova, Gustavo Marcos: o director de BIC Galicia, Enrique Vila; e o presidente da Asociación Portuguesa dee BIC’s, Víctor Sa Carneiro.