Ir o contido principal
STG

Preto dun cento de estudantes cursaron un mestrado na USC a través das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior

Un total de 250 persoas benefícianse destas axudas. FOTO: Santi Alvite
Un total de 250 persoas benefícianse destas axudas. FOTO: Santi Alvite
O programa diríxese ás persoas galegas universitarias residentes no estranxeiro e ofrece a posibilidade de adquirir unha especialización académica de mestrado nunha universidade do SUG
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor Antonio López participou este martes 13 nun encontro cos beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) xunto cos reitores da UDC e da UVigo, Julio Abalde e Manuel Reigosa, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. No acto que serviu para facer entrega de diplomas ás 250 persoas beneficiarias destas bolsas que permiten cursar determinados estudos de mestrado nunha universidade galega, tamén participou a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, xunto co conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. En concreto, no marco desta convocatoria, 79 persoas cursaron estudos na institución compostelá, 22 no Campus de Lugo e 57, no de Santiago, ao longo deste ano académico. 

O reitor da USC, Antonio López, que interveu en representación das tres universidades públicas galegas, quixo iniciar as súas verbas lembrando a segunda edición do Cumio Académico e do Coñecemento da Unión Europea, América Latina e o Caribe, no que a institución compostelá actuou como anfitrioa. Antonio López puxo en valor algunha das conclusión definidas no marco dese foro como é o caso da necesidade de impulsar a mobilidade académica, a cooperación entre institucións, e o intercambio de experiencias e boas prácticas en materia de docencia, investigación, extensión e xestión. O reitor da USC destacou que as BEME constitúen un bo exemplo destas ideas ao tratarse dun programa de mobilidade “que conecta Latinoamérica e Galicia, a Universidade coa sociedade galega no exterior”. Ademais, lembrou o reitor, incorpora rapaces e rapazas dunha traxectoria académica excelente e mellora os índices de internacionalización das institucións universitarias. 

Con este programa de bolsas, a Secretaría Xeral da Emigración oferta ás persoas galegas universitarias residentes no estranxeiro a posibilidade de adquirir unha especialización académica de mestrado nunha universidade galega, coa finalidade de que amplíen a súa formación e adquiran competencias e habilidades que favorezan a súa inserción laboral e futuro profesional en Galicia con maiores garantías de éxito.

Os mestrados ofertados intégranse nas áreas de Arte e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura; seleccionáronse en función das posibilidades dunha maior empregabilidade e son de interese para o desenvolvemento do sector produtivo industrial, de servizos, así como o da información e coñecemento de Galicia. A través deste programa preténdese tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e experiencias profesionais internacionais que acheguen estas persoas galegas con formación universitaria, que residiron ou naceron no estranxeiro, e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que se reforza a súa vinculación con esta comunidade autónoma.

Estas bolsas constitúen unha axuda económica para a realización destes estudos de mestrado en Galicia cunha duración dun curso académico (60-72 créditos ECTS) ou dun curso e medio (90 créditos ECTS). Os importes fixáronse en función dos gastos que deberán afrontar as persoas bolseiras para poder acadar os obxectivos das bolsas, tendo en conta os gastos de desprazamento desde o seu país de residencia, as taxas administrativas e académicas de matrícula na universidade, así como o custo do aloxamento e manutención.
 

O reitor Antonio López durante a súa intervención. FOTO: Santi Alvite
O reitor Antonio López durante a súa intervención. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.06.2023.