Ir o contido principal
STG

Preto de trinta empresas galegas e do norte de Portugal participan no Encontro Transnacional de Empresas TIC

De esquerda a dereita, Gustavo Marcos, José Rivas, Javier Sardina, Carlos Hernández e Víctor Sa
De esquerda a dereita, Gustavo Marcos, José Rivas, Javier Sardina, Carlos Hernández e Víctor Sa
O obxectivo deste encontro é propiciar as relacións económicas e comerciais entre as empresas participantes

A incubadora de empresas da USC Uninova organiza o Encontro Transnacional de Empresas TIC de Galicia e Norte de Portugal que se celebra nas instalacións de Casa Europa-Centro de Estudos Avanzados este martes, día 20. O encontro está enmarcado no Proxecto Europeo TRANSTIC-I.C.INTERREG IIIA, programa Transfronteirizo para a Consolidación de Redes de Cooperación entre Empresas TIC. No seu desenvolvemento colaboran BIC MINHO (Oficina da Inovaçao, S.A.).
No Encontro participan un total de 26 empresas do ámbito xeográfico de Galicia e do norte de Portugal dedicadas ás tecnoloxías da información e das comunicacións. A iniciativa nace co fin de dinamizar as relacións económicas e comerciais entre empresas do sector das TIC establecidas nas dúas zonas xeográficas presentes e co obxectivo de crear un punto de encontro onde poidan xurdir acordos transnacionais no ámbito das novas tecnoloxías na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
O Encontro desenvólvese en dúas fases diferenciadas, a primeira consistiu nunha quenda de presentacións por parte das empresas TIC e a segunda en sesións paralelas “one to one”, que permiten o encontro individual entre as empresas participantes, así como estudos de propostas de colaboración en proxectos conxuntos de investigación e desenvolvemento.
A inauguración do encontro celebrouse na mañá do martes nun acto ao que asistiron o coordinador de Xestión e Promoción da Investigación da USC, Francisco Javier Sardina López; o director do programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; o xerente de Uninova, Gustavo Marcos: o director de BIC Galicia, Enrique Vila; o catedrático de Electromagnetismo da USC, José Rivas Rey; e o presidente da Asociación Portuguesa dee BIC’s, Víctor Sa Carneiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.03.2007.