Ir o contido principal
STG

A prevalencia da obesidade na poboación maior de 15 anos duplicouse en España entre os anos 1987 e 2020

Na Comunidade Valenciana detéctase un aumento continuo das prevalencias en homes. FOTO: Santi Alvite
Na Comunidade Valenciana detéctase un aumento continuo das prevalencias en homes. FOTO: Santi Alvite
O estudo realizado dende a área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC evidencia que existen diferenzas nas prevalencias de obesidade entre as Comunidades Autónomas, sendo as do noroeste e as do sur as que presentan as cifras máis elevadas
Santiago de Compostela

Entre 1987 e 2020, a prevalencia de obesidade na poboación de 16 anos e máis duplicouse en España, pasando do 7% ao 16%. Esta é unha das conclusións do estudo titulado ‘Evolución da prevalencia de obesidade en España e nas súas comunidades autónomas, 1987-2020’ publicado na Revista Española de Cardioloxía e realizado dende a área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. A investigación é froito do traballo desenvolvido por Julia Rey Brandariz, Cristina Candal Pedreira, Alberto Ruano Raviña e Mónica Pérez-Ríos, xunto con María Isolina Santiago da Dirección Xeral de Saúde Pública e Laura Feijoo, residente de Medicina Preventiva no Complexo Hospitalario de Ourense, que colaborou durante unha rotación na USC. Os resultados obtidos derivan da análise da serie histórica completa da Enquisa Nacional de Saúde de España e da Enquisa Europea de Saúde en España.

O maior aumento das prevalencias observouse nos grupos de idade máis novos, tanto en homes como en mulleres. Na última década observouse unha estabilización nas prevalencias, que aparece antes nas mulleres. Desde 2003, o predominio de obesidade é similar en ambos os sexos, tal e como amosa o estudo. En 2020, a prevalencia de obesidade estimouse no 16% e demostrouse que esta prevalencia aumenta coa idade. Así, en 2020, o 4% das persoas de 15 a 24 anos eran obesos fronte ao 21% dos de 65 anos e máis.

Diferenzas entre comunidades

Existen diferenzas nas prevalencias de obesidade entre as Comunidades Autónomas, sendo as do noroeste e as do sur as que presentan as prevalencias de obesidade máis elevadas. Así en 2020, Andalucía, Rexión de Murcia, Canarias, Castela e León, Galicia e Principado de Asturias foron as comunidades con maiores prevalencias de obesidade; fronte á Comunidade de Madrid, Comunidade Foral de Navarra ou País Vasco, que son as que presentaron unha menor prevalencia. Diferenciando por xénero, en 2020, Andalucía e Principado de Asturias foron os territorios con maior prevalencia de obesidade en homes, e Andalucía e Rexión de Murcia, en mulleres.

“Aínda que a prevalencia de obesidade estabilizouse en España, isto non é homoxéneo en todas as súas comunidades autónomas”, sinalan dende o equipo responsable da investigación. Na Comunidade Valenciana detéctase un aumento continuo das prevalencias en homes. Nas mulleres, a prevalencia mostra un aumento continuo en Andalucía, Principado de Asturias, Cataluña e A Rioxa; unha tendencia crecente e posteriormente decrecente en Valenciana e Estremadura e unha estabilización no resto de Autonomías.

“A obesidade constitúe un importante problema con repercusións para a saúde cardiovascular e cun impacto negativo noutras enfermidades crónicas”, sinalan. Á luz das conclusións do estudo, constátase a necesidade de “continuar desenvolvendo intervencións preventivas orientadas a reducir o exceso de peso dende idades temperás”, tendo en conta o xénero e as particularidades de cada comunidade autónoma.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.03.2024.