Ir o contido principal
STG

Primavera de libros na USC

Fragmento da portada do libro 'Xela Arias. A literatura e a vida, por elección. Día das Letras Galegas 2021', baixo a coordinación da profesora da USC Mª Xesús Nogueira Pereira
Fragmento da portada do libro 'Xela Arias. A literatura e a vida, por elección. Día das Letras Galegas 2021', baixo a coordinación da profesora da USC Mª Xesús Nogueira Pereira
A editorial universitaria oferta toda a súa produción cun desconto especial do 15% nas compras en liña que se realicen entre o 23 de abril e o 7 de maio
Lugo, Santiago de Compostela

Con motivo do Día do Libro, o Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC anuncia un desconto especial do 15% en todos os seus títulos para as compras que se realicen en liña na Libraría Dixital da USC entre os días 23 de abril e 7 de maio, desconto que se aplicará de xeito automático no no momento da compra. Esta iniciativa realízase “de cara á sempre necesaria promoción do libro e a lectura”, tal e como explicou este xoves o responsable do servizo Juan Blanco.

A editorial universitaria incorpora na libraría unha amplísima oferta de 900 títulos, distribuídos en 50 coleccións e 20 áreas temáticas. Nesta primavera do libro, na que, no caso de Galicia, irmándase dúas datas tan sinaladas como o Día do Libro (23 de abril) e o Día das Letras Galegas (17 de maio), o Servizo de Publicacións da Universidade quere destacar un conxunto de novidades “especialmente acaídas para a exaltación tanto do libro e a lectura en si como da produción editorial na lingua de nós”, continúa Juan Blanco. Algunhas destas novidades son os tres últimos títulos da colección Clásicos do Pensamento Universal en lingua galega: O pensamento salvaxe, de Claude Lévi-Strauss; O  visitador do preso, de Concepción Arenal e O manisfesto comunista e outros escritos políticos, de Karl Marx.

O exitoso e suxestivo Compopstela. Música moderna en Santiago (1954-1978), de Alfonso Espiño Louro; a monografía Xohana Torres. Da viúva de vivo a muller navegante, de Ana Garrido González; o Epistolario de Emilia Pardo Bazán a Benito Pérez Galdós, edición de Ermitas Penas e Marisa Sotelo; a guía turístico-literaria a toda cor A ruta dos trobadores. Transitando polas vías da lírica hispánica, edición de Mariña Arbor; o moi interesante libro dixital El legado científico de las Fueras Armadas en Galicia; ou as ricas memorias académicas e profesionais que conteñen De los trabajos y los días. Filologías, de Darío Villlanueva, integran esta listaxe de novidades. En moi breve prazo, estará igualmente dispoñible o libro Xela Arias. A literatura e a vida, por elección. Día das Letras Galegas 2021, baixo a coordinación da profesora da USC Mª Xesús Nogueira Pereira. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.02.2023.