Ir o contido principal
STG

A primeira análise computacional da poesía de Valente denuda os trazos estilísticos, áreas temáticas e patróns léxicos da súa obra

O poeta José Ángel Valente, acompañado pola escritora María Zambrano
O poeta José Ángel Valente, acompañado pola escritora María Zambrano
Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu presentaron na Universidade de Cambridge as conclusións deste estudo pioneiro co que se profunda “no rico e intricado universo poético” dunha das figuras fundamentais da poesía española contemporánea
Lugo, Santiago de Compostela

A lente da análise lingüística serviulles ao profesor da USC na Facultade de Humanidades, Claudio Rodríguez Fer, e á investigadora Adina Ioana Vladu, pertencente ao Instituto da Lingua Galega (ILG), para profundar “no rico e intricado universo poético de José Ángel Valente, figura fundamental da poesía española contemporánea”. A través dun estudo pioneiro no que botaron man de técnicas de lingüística computacional e de corpus e procesamento da linguaxe natural (PNL), lograron examinar o traballo de Valente para alumear os seus trazos estilísticos, as áreas temáticas e os patróns léxicos do poeta ao longo da súa obra poética en castelán. As concusións do estudo viron a luz esta semana no Robinson College da Universidade de Cambridge, durante o congreso Inter-Varietal Applied Corpus Studies (IVACS).

‘Unraveling the Linguistic Tapestry: A Computational Exploration of José Ángel Valente’s Poetry’ constitúe a primeira análise computacional da poesía de Valente. “A nosa elección está motivada, por unha banda, pola transcendencia de Valente na literatura española do século XX a través da súa rica, variada e coherente produción artística, e, por outro, pola ausencia de estudos interdisciplinarios similares: a obra do poeta foi amplamente estudada desde diferentes enfoques literarios, pero nunca ata o de agora dende unha perspectiva lingüística”, sinalan Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu.

O estudo afonda en cuestións como cales son os trazos estilísticos da poesía de Valente e como evoluciona a expresión estilística do poeta ao longo da súa carreira literaria; cales son os temas predominantes e como se expresan na poesía de Valente; ou como contribúen os patróns léxicos específicos (por exemplo, frecuencia de palabras ou patróns de colocación, entre outros) ao tecido temático e estilístico da obra do autor ourensán. Tal e como relatan os especialistas, “na nosa exploración, utilizamos un conxunto de ferramentas de lingüística computacional e PNL, esforzándonos por ofrecer novas perspectivas sobre o corpus poético elixido”. Esta investigación representa unha incursión inicial na comprensión da complexa interacción entre a tecnoloxía da linguaxe e a análise literaria aplicada ás obras do poeta, coa esperanza de inspirar máis estudos interdisciplinarios no ámbito da poesía de Valente e máis aló.

Valente en Cambridge


Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu foron presentados por Gabrielle Gaudeau, investigadora do departamento de Informática e Tecnoloxía da Universidade de Cambridge, no marco dun foro que se vén celebrando cada dous anos en distintas universidades do mundo. Dáse a circunstancia de que Valente, que comezou a súa carreira profesional traballando como lector na Universidade de Oxford, foi despois conferenciante na Universidade de Cambridge, onde concibiu o poema amoroso ‘Calles de Cambridge, 1974’, pertencente á súa obra Interior con figuras.

Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC dende 2005 e amigo persoal do poeta, ademais de especialista na súa obra, é autor de numerosos libros, edicións e artigos sobre Valente. Pola súa parte, Adina Ioana Vladu, doutora pola Universidade de Bucarest e especialista en lingüística de corpus, é estudosa da tradución ao inglés da poesía do mesmo escritor. Ambos os especialistas darán a coñecer proximamente a innovadora tecnoloxía computacional patentada e os primeiros resultados acadados con ela na propia Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela.

A devandita Cátedra creouse tras a doazón feita polo universal poeta galego á USC do seu arquivo e biblioteca persoais. En consecuencia, a primeira función da Cátedra é a custodia, catalogación e estudo do importante material doado, así como a organización de actos e a publicación de obras relacionadas co legado recibido. Non obstante, a actuación da Cátedra, denominada de Poesía e Estética por desexo do propio escritor, está aberta ás múltiples conexións interdisciplinarias e interartísticas que a proteica obra de Valente establece coa poesía e coa estética en xeral. A creación da Cátedra, que sucedeu á investidura de Valente como doutor honoris causa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1999, tivo lugar no ano 2000. 
 

Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu
Claudio Rodríguez Fer e Adina Ioana Vladu
Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.07.2024.