Ir o contido principal
STG

A primeira promoción do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza celebra o seu acto de graduación

A cerimonia terá lugar na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, o centro que imparte este posgrao, único en España do seu tipo

A primeira promoción do máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, organizado pola Facultade de Formación do Profesorado de Lugo, celebra o xoves 14 o seu acto de graduación. A cerimonia terá lugar ás 18.30 horas no salón de actos do centro, a nela intervirán o vicerreitor de Coordinación e Planificación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Lugo, Jesús Ramos Ledo; a concelleira de Educación do Concello de Lugo, Esther Muñoz Mella; o decano da Facultade de Formación do Profesorado, Francisco Rodríguez Lestegás; e o coordinador do máster, o profesor Eugenio Otero Urtaza. O máster de Dirección de Actividades Educativas na Natureza busca a formación integral dos seus alumnos en aspectos teóricos e históricos da educación no contorno natural, ademais de achegar recursos estéticos, literarios, musicais ou deportivos relacionados coas ciencias naturais, a educación ambiental ou o excursionismo. “Outras cuestións, como a formación empresarial, o liderado de grupos, a capacidade de toma de decisións, o deseño de actividades ou a interpretación da paisaxe tamén forman parte dos contidos do curso. O obxectivo é presentar a natureza como unha potencia educadora”, explica Eugenio Otero. Trátase do único curso de posgrao destas características en todo o panorama universitario español. Esta primeira promoción está composta por 29 estudantes, que recibiron formación de 28 docentes da USC e outros 15 procedentes doutras universidades. Ademais da parte teórica, o máster incluíu tamén numerosas saídas a contornos naturais, entre elas a reserva da biosfera Terras do Miño, sobre a que os alumnos están preparando un traballo no que se recollen os sons propios deste espazo natural. Como complemento á actividade académica, os responsables do máster asinaron convenios con diversas entidades para a realización de prácticas por parte dos alumnos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2012.