Ir o contido principal
STG

As primeiras xornadas sobre as perspectivas profesionais das Relacións Laborais analizarán o futuro desta titulación

O encontro celebrarase os días 19 e 20 deste mes na Escola Universitaria da USC

As perspectivas futuras da titulación de Relacións Laborais da USC será unha das cuestións a tratar na inauguración das primeiras xornadas ‘As saídas e perspectivas profesionais no eido das relacións laborais’ que terá lugar este xoves, día 19, ás 10:30 horas na Escola Universitaria de Relacións Laborais da man do director do centro, Xavier Ferreira.
Estas xornadas teñen como finalidade principal orientar e informar aos futuros diplomados en Relacións Laborais sobre as saídas profesionais ás que pode acceder tanto no eido privado como público ao finalizar os seus estudos. O congreso tamén analizará o cambio que suporá para esta titulación a súa integración no Espazo Europeo de Educación Superior como o ‘Posgrao Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral’.
O encontro, organizado pola Universidade de Santiago en colaboración coa Consellaría de Traballo, continuará ás 12:30 horas coa conferencia do coordinador dos SAEE, José Manuel González, quen falará sobre os recursos universitarios para o emprego. Deseguido, o profesor de Organización de Empresas e membro da Comisión Redactora do Libro Branco para a reforma do Título, Carlos Javier Álvarez, explicará ás 12:30 horas a reforma da titulación de Relacións Laborais e perspectivas de emprego.
Na sesión vespertina, o responsable da Asesoría Montenegro e diplomado en Relacións Laborais pola USC, Darío Montenegro, profundará sobre o exercicio profesional autónomo. Esta xornada pechará coa intervención do presidente do Colexio de Graduados Sociais de A Coruña e Ourense, Germán Prieto-Puga, que informará sobre o exercicio da profesión de graduado social.
Sesión do venres 20Na seguinte sesión, que se desenvolverá o venres, día 20, varios expertos abordarán cuestións como as saídas profesionais na administración pública ou os recursos humanos na empresa privada. Xa pola tarde, e como clausura do encontro, a Escola Universitaria de Relacións Laborais acollerá un taller de técnicas de procura de emprego co que se pretende achegar aos seus participantes as ferramentas prácticas para o acceso ao mundo laboral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.04.2007.