Ir o contido principal
STG

A probabilidade de transmisión de enfermidades de carrachas a humanos é “elevada” no noroeste de España, segundo Invesaga

De esquerda a dereita, Fernández, Díaz, Remesar e Morrondo, na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC
De esquerda a dereita, Fernández, Díaz, Remesar e Morrondo, na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC
A tese doutoral presentada por Susana Remesar na Facultade de Veterinaria da USC baixo a dirección de Patrocinio Morrondo, Pablo Díaz e Gonzalo Fernández, é un dos estudos máis amplos feitos en...

A probabilidade de que as persoas adquiran certas enfermidades transmitidas por carrachas, especialmente no caso da borreliosis e rickettsiosis, é “elevada” no noroeste de España, segundo conclúe a tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo Susana Remesar Alonso, do grupo de Investigación Sanidade Animal Galicia (Invesaga) da USC, un grupo de referencia competitiva da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, coordinado polo catedrático Pablo Díez Baños, que advirte así da necesidade de aumentar a concienciación da poboación respecto dos riscos que poden supoñer para a saúde humana as picaduras de carrachas.

A investigación de doutoramento realizada por Remesar Alonso baixo o título ‘Dinámica de poboacións das carrachas exófilas no noroeste de España e o seu papel como vectores de axentes infectoparasitarios de importancia veterinaria e médica’ e dirixida polos profesores da USC Patrocinio Morrondo Pelayo, Pablo Díaz Fernández e Gonzalo Fernández Rodríguez, constitúe un dos estudos máis amplos dos realizados ata a data en en Galicia e no conxunto da península Ibérica respecto dos patóxenos que poden vehicular as carrachas, no marco do que se recolleron 7.000 carrachas, cuxa identificación morfolóxica específica se desenvolveu mediante técnicas de bioloxía molecular.

O estudo de Remesar Alonso que conforma a súa tese de doutoramento, unha investigación que contou con financiamento do grupo de referencia competitiva GR2015/003 da Xunta de Galicia, deparou a identificación de 5 especies de carrachas, das que Ixodes ricinus é a que ten unha presenza máis habitual (99,2%), mentras que Dermacentor marginatus (0,3%), Dermacentor reticulatus (0,2%), Ixodes frontalis (0,2%) e Ixodes acuminatus (0,01%) foron detectadas de xeito ocasional.

A I. ricinus e a única especie de carracha na que se atoparon todos os estadios de desenvolvemento, sendo máis abundantes as ninfas, segundo se recolle nesta investigación, un traballo que tamén permitiu advertir unha asociación directa entre a fenoloxía de I. ricinus con factores como a temperatura e o fotoperíodo. A relación desta carracha é inversa co aumento da humidade relativa máxima media. Estas variables permiten predicir en que épocas do ano haberá maior número de carrachas na vexetación e por tanto maior risco de exposición e transmisión dos patóxenos que vehiculan, segundo se recolle na investigación.

A aplicación de diversas técnicas de bioloxía molecular permitiron detectar en I. ricinus os 5 xéneros de patóxenos estudados, sendo os máis prevalentes Rickettsia spp. (20,7%) e Borrelia spp. (12,1%), mentres que a prevalencia doutros patóxenos como Babesia spp., Anaplasma spp. e Theileria spp. foron inferiores ao 2%. Na especie I. frontalis acháronse os patóxenos Rickettsia spp. e Anaplasma spp, mentres que en D. marginatus e D. reticulatus unicamente se detectou o patóxeno Rickettsia spp.

Unha pequena porcentaxe de I. ricinus e I. frontalis resultaron infectados con Anaplasma phagocytophilum, aínda que mediante o estudo conxunto dos xenes groESL e 16S ARNr comprobouse que a maioría das variantes atopadas non son potencialmente zoonóticas. Polo contrario, a investigación serviu para detectar que Babesia venatorum e Babesia microti son variantes potencialmente patóxenas para as persoas. Outras das achegas da investigación realizada por Remesar Alonso atinxen á detección de 6 xenoespecies de Borrelia potencialmente zoonóticas: 5 do grupo B. burgdorferi sensu lato, relacionadas coa Enfermidade de Lyme e unha do grupo das febres recorrentes (B. miyamotoi). Ademais, as prevalencias de B. burgdorferi s.l. e Rickettsia spp., foron significativamente superiores en I. ricinus procedentes da montaña e da costa.

Tribunal de tese e cualificación

O tribunal encargado de xulgar esta tese de doutoramento estivo presidido pola catedrática emérita da Universidade de Zaragoza Caridad Sánchez Acedo e polo profesor de Parasitoloxía e Enfermidades Parasitarias da Universidade de Mesina (Italia) Emanuele Brianti. O catedrático da Área de Sanidade Animal da USC e profesor na Facultade de Veterinaria de Lugo Pablo Díez Baños actuou como secretario dun tribunal que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación realizada por Susana Remesar Alonso. Esta tese conta tamén cunha mención internacional grazas á estadía de tres meses realizada pola súa autora na Universidade da República Rexional Norte de Salto de Uruguai.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.12.2019.