Ir o contido principal
STG

A problemática derivada da resistencia a antibióticos, a debate no campus de Lugo nos ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
Azucena Mora ofrece o venres, ás 13.00 horas, no Cactus, a charla ‘Resistencia a antibióticos: un problema prioritario que require unha abordaxe da granxa á mesa’

A problemática derivada da resistencia aos antibióticos será o tema de debate na sesión dos ‘ Xantares Biocientíficos’ de BioReDes programada o venres 11 de outubro, a partir das 13.00 horas, no edificio Cactus do campus de Lugo, un foro no que a profesora do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC na Facultade de Veterinaria de Lugo e investigadora do Laboratorio de Referencia E.coli (LREC) Azucena Mora Gutiérrez, ofrecerá a charla ‘Resistencia a antibióticos: un problema prioritario que require unha abordaxe da granxa á mesa’.

Os ‘Xantares Biocientíficos’ constitúen unha iniciativa promovida pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes para favorecer o intercambio e o debate científico. Esta iniciativa de divulgación de ideas científicas e de posta en común das liñas de I+D nas que se está a traballar desde o Campus Terra da USC é aberta á participación de todo o público interesado. Unha vez rematada a charla e o posterior coloquio co público presente, as persoas asistentes poderán compartir uns petiscos por xentileza de Panadería da Cunha.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2019.