O profesor Ignacio Vidal Portabales presenta na USC a súa novela gañadora do Premio Blanco Amor de Novela
O profesor de Dereito mercantil na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC Ignacio Vidal Portabales presenta este martes 8 a súa novela Dióxenes en Dolorida, gañadora da XXX edición do Premio Blanco Amor de Novela 2012. A presentación desenvolverase a partir das 20.00 horas no salón de graos da facultade nun acto no que participarán, ademais do propio escritor, Xesús Rábade Paredese e Manuel Bragado. Dióxenes en Dolorida narra as peripecias dun personaxe singular ––misóxino e excesivo–– que tras un fracaso amoroso chega a unha cidade costeira, Dolorida, fuxindo do recordo de Marta. Na vila, tres homes que pasan por momentos delicados das súas vidas deciden seguilo incondicionalmente, asumindo o seu liderado natural. Todos adoitan frecuentar Praceres, un establecemento orixinal que ten especial interese para as mulleres de Dolorida. A novela, escrita cun estilo áxil e directo e co humor como elemento destacado, ofrece unha visión desenfadada das relacións de parella. O xurado destaca da obra “a orixinalidade na construción do personaxe protagonista e a recreación dun ambiente que flutúa entre o real e o paródico”. Ademais de numerosos artigos científicos, Ignacio Vidal Portabales (Santiago de Compostela, 1958) publicou diversas monografías de temática xurídica como O contrato de patrocinio publicitario no Dereito español (1998), O réxime xurídico da liquidación na Sociedade Cooperativa Galega (2004) e Sociedade da Información e Empresa (2010). No eido literario, obtivo, na súa mocidade, algúns premios de poesía en lingua galega e en castelá, sendo Dióxenes en Dolorida a súa primeira novela en lingua galega.