O profesor Jesús Salgado Velo acaba de ser recoñecido cunha das cinco Medallas de Investigación 2023 da Real Academia Galega de Ciencias
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) acaba de recoñecer o catedrático de Psicoloxía do Traballo e Recursos Humanos da USC Jesús F. Salgado Velo coa Medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais. As Medallas de Investigación da RAGC, un total de cinco recoñecementos noutras tantas áreas, alcanza a súa quinta edición e valora as traxectorias singulares e consolidadas en investigación desenvolvidas en Galicia, ademais de fomentar a promoción da ciencia e a tecnoloxía galegas para tratar de difundir á sociedade o aprecio polos valores científicos. A entrega das medallas terá lugar no transcurso do acto de conmemoración do Día da Ciencia en Galicia o mércores 4 no Colexio de Fonseca.
Xunto a Jesús Salgado, foron recoñecidos tamén David Posada González, coa Medalla Ángeles Alvariño en Bioloxía e Ciencias da Saúde; Fernando Obelleiro no campo das Ciencias Técnicas; Ricardo Cao, medalla de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; e Aurora Grandal, na sección de Química e Xeoloxía.
Jesús Salgado
“Este é un premio para toda a investigación que se fai en Galicia no eido da Psicoloxía do Traballo e dos Recursos Humanos, un recoñecemento a este disciplina, á Universidade de Santiago por apoiarnos no desenvolvemento dos nosos programas de investigación e a todo un equipo consolidado ao longo de 30 anos” sinalou o docente da área de Psicoloxía Organizacional e Xurídico-Forense.
O tema central das investigacións de Jesús Salgado nos últimos 25 anos é a análise da validez dos instrumentos de selección de recursos humanos en Europa para predicir o desempeño ocupacional, centrándose na predición e a explicación dos comportamentos laborais. A nivel aplicado, destacan as súas investigacións sobre as entrevistas de selección de persoal. Os seus traballos publicáronse nas revistas internacionais máis prestixiosas desta especialidade, situándose no posto 34 dos autores máis citados da súa disciplina no mundo. As súas contribucións foron recoñecidas con dous nomeamentos Fellow, máximas distincións da Asociación Americana de Psicoloxía e da Asociación Internacional de Psicoloxía Aplicada, as dúas organizacións máis relevantes no ámbito da Psicoloxía.