Ir o contido principal
STG

O profesor Juan Manuel Seoane Lestón alcanza a máxima distinción do Consello Xeral de Dentistas

Seoane Lestón, doutor en Medicina e Cirurxía e médico estomatólogo, ademais de docente da USC é co director das campañas nacionais de prevención de cancro oral dende 2007. FOTO: Santi Alvite
Seoane Lestón, doutor en Medicina e Cirurxía e médico estomatólogo, ademais de docente da USC é co director das campañas nacionais de prevención de cancro oral dende 2007. FOTO: Santi Alvite
Este profesor da USC, catedrático da Área de Estomatoloxía, recibe o Premio Santa Apolonia 2021 pola súa traxectoria profesional
Santiago de Compostela

O catedrático da Área de Estomatoloxía Juan Manuel Seoane Lestón acaba de ser recoñecido co Premio Santa Apolonia 2021, a máxima distinción que concede a título individual o Consello Xeral de Dentistas de España. Este premio recoñece a profesionais da Odontoloxía que máis destacaron na súa traxectoria profesional, tanto polos seus traballos como pola súa dedicación, así como pola súa contribución ao prestixio e desenvolvemento desta disciplina ao longo de toda a súa carreira.

“Estou moi agradecido a toda a organización colexial que apoiou a miña candidatura porque de xeito unánime pensaron que era unha persoa que podía encaixar neste premio”, explicou o profesor galardoado. O catedrático da USC explicou como centrou a súa carreira no descubrimento precoz do cancro oral, así como nas metodoloxías docentes a aplicar no grao en Odontoloxía. “A formación continuada é un pilar básico para o desenvolvemento profesional e dende ese punto de vista tentamos colaborar coas organizacións colexiais”, explicou.

Seoane Lestón quixo ter tamén unhas verbas de agradecemento para o corpo docente da Facultade, así como para o conxunto do seu alumnado, de feito, definiu a esixencia do propio estudantado como un dos “motores” da súa carreira. Tamén destacou o magnífico entorno educativo e produtivo en termos científicos da Facultade de Medicina e Odontoloxía. Na actualidade, este profesor da USC lidera un proxecto de investigación para diagnóstico precoz de cancro oral.

Seoane Lestón, doutor en Medicina e Cirurxía e médico estomatólogo, ademais de docente da USC é co director das campañas nacionais de prevención de cancro oral dende 2007, académico da Academia Nacional de Ciencias Odontolóxicas, director de proxectos de investigación nacionais e internacionais. Autor de 200 artigos en publicacións de referencia no seu eido, foi conselleiro de honra con condecoración de ouro do Ilustre Consello Xeral de Odontólogos e Estomatólogos de España.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2022.