Ir o contido principal
STG

O profesor Lois Ferradás Blanco tomou posesión como decano da Facultade de Ciencias da Educación

Público asistente ao acto de toma de posesión do decano de Ciencias da Educación
Público asistente ao acto de toma de posesión do decano de Ciencias da Educación

O profesor Lois Ferradás Blanco tomou posesión do seu cargo como decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC nun acto celebrado este luns, día 19, no Salón de Graos do Colexio de San Xerome baixo a presidencia do reitor compostelán, Senén Barro.
Lois Ferradás, do Departamento de Didáctica e Organización Escolar na USC, foi elixido decano o pasado mes de outubro cunha candidatura na que lle acompañan os profesores Anxo S. Porto Ucha, Elena Fernández Rey e Xesús Rodríguez Rodríguez como vicedecanos, e a profesora Belén Caballo Villar como secretaria.
O novo decano subliñou na súa intervención sentirse consciente e satisfeito por pertencer á Facultade de Ciencias da Educación máis importante de Galicia e “en proceso de ser unha das de referencia en España”. Para Ferradás constitúe “unha riqueza e unha oportunidade” pero tamén “unha responsabilidade e un desafío”, porque “estimamos o que somos e esforzarémonos en melloralo”.
No seu discurso, Lois Ferradás fixo unha diagnose dunha facultade na que actualmente cursan estudos 2.300 alumnos nalgunha das súas sete titulacións, e imparten docencia preto de 150 docentes agrupados en cinco departamentos e máis de vinte áreas de coñecemento.
A intervención do decano xirou arredor de catro temas, xestión da complexidade, calidade de xestión; docencia; oferta académica, graos e posgraos; e o novo edificio. No primeiro aspecto, o decano aludiu a un incremento na complexidade das tarefas que habitualmente se desenvolven no centro. Neste senso, destacou que a mobilidade estudantil ou a maior demanda de información actualizada e precisa, require “unha adecuada dotación de medios persoais, a racionalización das funcións e formación para os postos de traballo, en definitiva, unha auténtica profesionalización da xestión”.
No relativo á docencia, o profesor Ferradás Blanco considera que a docencia dos títulos de grao é “a base da pirámide da universidade e os centros, facultade e escolas, constitúen a columna vertebral da nosa universidade”. Neste eido o decano considera que “para obter resultados diferentes temos que facer cousas diferentes, empregando medios diferentes”.
Outro dos temas analizados por Lois Ferradás foi a necesaria actualización do modelo de formación do profesorado de Educación Secundaria. A este respecto, destacou que os avances realizados nestes anos polas Ciencias da Educación referidos a cómo se aprenden e cómo se ensina nos contidos ou á mudanza producida nai dade, formación e orixe social do alumnado na etapa escolar “fan urxente unha revisión afondo dese modelo, recollendo o aprendido nestes anos e integrándoo plenamente na potente estrutura universitaria”.
Pechando o acto, o reitor da USC, Senén Barro, lembrou que a de Ciencias da Educación é das poucas facultades que aumentan ano a ano o seu número de estudantes practicamente de modo ininterrompido o que demostra, en opinión do reitor compostelán, o grande atractivo das súas titulacións. Barro referiuse ademais ao importante rol representado pola Facultade en canto á proxección exterior da USC, tanto pola presenza de estudantes latinoamericanos nas aulas compostelás como pola constante colaboración de docentes con outros centros estranxeiros.
O reitor concluíu referíndose aos retos futuros do centro ao sinalar que os vindeiros anos, coa vixencia inmediata do Espazo Europeo de Educación, lonxe de representar unha ameaza constitúen “unha oportunidade de ter unha universidade mellor”.
Lois Ferradás BlancoLois Ferradás Blanco é profesor titular da USC na área de Didáctica e Organización Escolar. As súas investigacións céntranse no estudo das boas prácticas docentes na Universidade e nas escolas. Este antigo mestre de educación infantil foi, con anterioridade, director da Escola de Maxisterio de Santiago e vicedecano de Maxisterio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.03.2007.