Ir o contido principal
STG

O profesor Ramón Villares doa á USC o seu arquivo persoal para que sexa integrado nos fondos do AHUS

O acto de doazón desenvolveuse no AHUS. FOTO: Santi Alvite
O acto de doazón desenvolveuse no AHUS. FOTO: Santi Alvite
Trátase dun total de 66 caixas con documentos que testemuñan á súa extensa e prolífica etapa profesional de preto de 50 anos
Santiago de Compostela

O que fora reitor da Universidade de Santiago de Compostela e, na actualidade, profesor emérito, Ramón Villares, acaba de doar á USC o seu arquivo persoal para que sexa integrado nos fondos do Arquivo Histórico Universitario (AHUS). Trátase dun total de 66 caixas con documentos que testemuñan á súa extensa e prolífica etapa profesional de preto de 50 anos. O acto simbólico de doazón desenvolveuse este mércores 28 no Arquivo e contou coa presenza do reitor Antonio López Díaz e da directora do AHUS, Désirée Mª Domínguez Pallas.

A doazón abrangue tanto os traballos de investigación propios e tutelados nos que participou —acompañados de referencias, textos, fichas e reproducións de numerosas fontes documentais—, como os relativos á súa actividade como docente —fichas de estudantado, asistencias a congresos, artigos e diverso material docente—. Así mesmo, tamén forma parte deste arquivo persoal a documentación relativa á súa etapa como reitor da USC, entre outros documentos vinculados non só á súa traxectoria profesional na Universidade senón tamén a outras institucións culturais galegas e do resto do Estado.

Polo tanto, tal e como destaca a directora do Arquivo, “o valor histórico co que contan estes documentos radica na relevancia profesional e intelectual da figura que os produciu e acumulou ao longo da súa dilatada vida académica e laboral así como polo estreito vínculo que mantivo coa Universidade de Santiago de Compostela” desde que cursou estudos na Facultade de Filosofía e Letras, na rama de Historia, onde se licenciou no ano 1973 e se doutorou con premio extraordinario en 1980 coa tese A evolución das estruturas agrarias na provincia de Lugo. Propiedade e rendas da terra que realizou baixo a dirección do tamén recoñecido profesor Antonio Eiras Roel.

En 1987, Ramón Villares convértese en catedrático de Historia Contemporánea da USC, institución da que tamén foi reitor durante o período 1990-1994. A súa traxectoria vincúlase a través dos anos a cargos como o de director do Arquivo da Emigración Galega e presidente do Consello da Cultura Galega, membro da Real Academia de Galicia, do Padroado do Museo do Pobo Galego e do Instituto de Estudos ‘Padre Sarmiento’, ou secretario da súa sección de Xeografía e Historia. Así mesmo, tamén foi membro fundador e presidente da Asociación de Historia Contemporánea, así como director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez-Pelayo. Ademais de autor de numerosos libros e artigos sobre aspectos históricos de Galicia, participou no consello asesor de numerosas revistas.

Para Désirée Mª Domínguez Pallas trátase, en definitiva, dun fondo documental que “abrangue a práctica totalidade das súas facetas profesionais e que, polo tanto, testemuña dun modo completo a función institucional, docente e investigadora que levou a cabo durante a súa traxectoria laboral na Universidade de Santiago de Compostela”. O Arquivo Histórico Universitario pasa a engrosar, deste xeito, os seus xa de por si amplos e valiosos fondos, coa documentación “dunha relevante figura intelectual galega que desenvolveu unha valiosa aportación como estudoso e investigador da nosa historia e que tivo e segue a ter un estreito vínculo profesional coa USC”.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.01.2026.