Ir o contido principal
STG

O profesor Santi Nonell clausura na USC o Ano Internacional da Luz

O profesor Santi Nonell, da Universidade Ramon Llull de Barcelona, intervirá este xoves 4 con dúas conferencias nas actividades que con motivo da clausura do Ano Internacional da Luz 2015 organizan o grupo de Química Biofísica, Fotofísica e Espectroscopía, a Facultade de Química e o CiQUS da USC.

A primeira das conferencias está dirixida ao público en xeral e leva por título ‘Luz, química e vida’. Terá lugar ás 13.00 horas na Aula Magna da Facultade de Química. Xa pola tarde, o profesor Nonell trasladarase ao CIQUS para, ás 17.00 horas, presentar os resultados das súas últimas investigacións na charla ‘Singlet Oxygen Photosensitisation in the Nanobiotech Era’.

Ano Internacional
O Ano Internacional da Luz e as Tecnoloxías baseadas na Luz 2015 é unha iniciativa das Nacións Unidas co obxectivo de incrementar o coñecemento da cidadanía sobre a luz e as tecnoloxías ópticas que promoven o desenvolvemento sostible e achegan solucións aos retos mundiais en enerxía, educación, agricultura, comunicacións e saúde. A clausura oficial é do 4 ao 6 de febreiro en Mérida (México).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2016.