O profesor Santiago Redondo avoga pola educación e a socialización fronte ao castigo

In-tolerancia cero é o título do último libro editado polo profesor de Criminoloxía da Universidade de Barcelona Santiago Redondo, “un ensaio crítico sobre o permanente incremento da intolerancia, o control e a punición na sociedade española e nas sociedades occidentais en xeral”. O profesor Santiago Redondo, que se atopa na USC participando en diversas actividades da Facultade de Psicoloxía, mantivo esta mañá un encontro cos medios de comunicación no que o acompañou o catedrático Jorge Sobral.
Segundo explicou o doutor Redondo, o seu novo libro é “mordaz, á vez que sarcástico e divertido con aqueles estamentos sociais que de maneira cotiá contribúen ao aumento da intolerancia social e o punitivismo desenfreado”. A modo de exemplo, referiuse a “moitos políticos e gobernantes obedientes aos ditados do puro populismo, algúns medios de comunicación afeccionados a magnificar e estereotipar a delincuencia e os seus riscos, algúns sectores do feminismo máis radical que continuadamente demandan endurecemento penais e, en xeral, unha sociedade plagada de burócratas e ‘picapleitos’ simplóns incapaces de ver outra solución aos problemas sociais que non sexa unha desorbitada e permanente inflación de leis e castigos”.
Na proposta formulada por Santiago Redondo neste eido, os comportamentos infractores forman parte da natureza humana e deben ser contrarrestados esencialmente mediante a educación e a socialización “e non só a través do castigo”. Este debería reservarse para as infraccións e delitos máis graves e violentos “e non expandirse para todo, saturando a vida cotiá de normas, controis e sancións”. Segundo o autor, trataríase de depositar nos cidadáns unha maior confianza e outorgándolle máis respecto aos dereitos das persoas.
Recoñecido experto nos campos do control da infracción de normas e do delito, Santiago Redondo argumenta nas súas publicacións sobre a conveniencia de utilizar métodos sociais e educativos, máis que punitivos, para a prevención do delito.