Ir o contido principal
STG
  • USC

O profesor da USC Rodrigo Muiño Otero, novo académico de número da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

O profesor Muiño ingresou co discurso ‘Saúde, gandería e medio ambiente: unha relación viable’
O profesor Muiño ingresou co discurso ‘Saúde, gandería e medio ambiente: unha relación viable’
No discurso reivindicou a “profunda conexión” que existe entre saúde animal e humana e defendeu unha dieta equilibrada que inclúa produtos de orixe animal

O profesor da Facultade de Veterinaria da USC Rodrigo Muiño Otero tomou posesión este xoves da cadeira número 22 de académico de número da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia nun acto na Facultade de Veterinaria que contou coa presenza do vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga.

O profesor Muiño era, ata o de agora, académico correspondente adscrito da Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, con vinte anos de traxectoria clínica profesional, a maior parte do tempo exercida no centro veterinario Meira SLP, onde levou a cabo tarefas de control de calidade do leite, control sanitario, reprodutivo, clínica e cirurxía do gando vacún e pequenos animais. É membro do grupo de investigación Metabolismo e patoloxía animal da USC, institución na que se doutorou en 2008 e na que imparte docencia.  

No acto de ingreso, o profesor da USC, cunha traxectoria investigadora especializada no ámbito do estudio bovino, agradeceu este “recoñecemento a tantos anos de traballo e compromiso co eido veterinario” así como “a oportunidade de participar de maneira más activa e profunda nas actividades e decisións da Academia”.

O discurso de ingreso do profesor Muiño, respondido pola tamén académica de número Cristina Castillo Rodríguez, levou por título ‘Saúde, gandería e medio ambiente: unha relación viable’. Nel lembrou o rol “crucial” que xoga a gandería “na sostibilidade a través de prácticas como a reciclaxe de recursos, a economía circular ou a súa achega á biodiversidade”.

Neste sentido, reivindicou a “profunda conexión” que existe entre saúde animal e humana, así como a necesidade de defender “unha dieta equilibrada que inclúa produtos de orixe animal, vitais para obter nutrientes como a vitamina B12, o ferro ou a vitamina D, que dificilmente se atopan noutro tipo de alimentación”.

Docente e investigador internacional
Rodrigo Muiño Otero desenvolveu un labor multidisciplinar que abarca tanto a investigación como a práctica clínica no sector gandeiro. Centrado en áreas como o metabolismo da vaca leiteira ou o estudo da criopreservación do seme bovino, publicou más de 30 artigos en revistas especializadas, varios libros e ten participado como conferenciante en seminarios e congresos de calado internacional.

Actualmente, o académico lugués é profesor axudante doutor no Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo. Forma tamén parte do grupo de investigación METANIMAL, adscrito ao Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC e é colaborador do grupo de investigación consolidado 2017-SGR-1229 da Universidade Autónoma de Barcelona.

Ademais da súa actividade docente e investigadora, Muiño traballou estreitamente con gandeirías de vacún leiteiro en empresas privadas, exercendo en clínica, cirurxía e reprodución, e rematou especializándose na mellora da produtividade o benestar animal. O seu nomeamento na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia reflicte a importancia da súa contribución tanto á investigación veterinaria como á mellora do sector gandeiro galego.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.10.2024.