Ir o contido principal
STG

A profesora Carmen Mellado presentou en Salamanca un dicionario fraseolóxico español-alemán de 33.000 entradas

Foto: Universidad de Salamanca
Foto: Universidad de Salamanca
É o resultado de sete anos de traballo lexicográfico no que participou o grupo Frasespal

A profesora da Área de Alemá Carmen Mellado Blanco é a co autora e coordinadora do equipo español implicado na elaboración do dicionario Idiomatik Deutsch-Spanisch, volume no que se recollen 33.000 entradas e que concibe a fraseoloxía en sentido amplo, incluíndo xunto ás alocucións idiomáticas, tamén colocacións, marcadores discursivos plurilexemáticos, construcións de verbo soporte e esquemas sintácticos. Nas entradas aparecen especificados os actantes obrigatorios e facultativos de cada fraseoloxismo, a súa combinatoria léxica, así como as posibles restricións morfosintácticas e as marcas pragmáticas. Para cada significado ofrécese un exemplo definitorio de uso prototípico, o que é especialmente útil de cara a usuarios/as aprendices do alemán como lingua estranxeira. Presentado este xoves nun acto público na Universidade de Salamanca, este dicionario alemán-español é froito de sete anos de traballo lexicográfico, período no que a profesora Mellado dirixiu o traballo dun equipo de lingüistas que integran Patricia BujaN, da Universidade de Vigo; Nely M. Iglesias, da Universidade de Salamanca; Juan Pablo Larreta, da Universidade Pablo Olavide de Sevilla; e Ana Mansilla, da Universidade de Murcia. Todos eles son membros da grupo de investigación Frasespal, que tamén dirixe Carmen Mellado e que xurdiu a raíz dun proxecto de investigación concedido por parte del Ministerio de Ciencia e Innovación en 2007. Este dicionario fraseolóxico que publica a editorial alemá Buske (Hamburgo) forma parte dunha serie de dicionarios bilingües entre o alemán e outras linguas europeas como o inglés, francés, italiano, portugués e agora español (última lingua en integrarse). O catedrático alemán Hans Schemann é o motor desta serie de dicionarios fraseolóxicos que tiveron grande aceptación e recoñecemento tanto en Alemaña como no resto de Europa. O elevado volume de unidades recollidas en todos eles (33.000 entradas) converte estes volumes nos dicionarios idiomáticos máis extensos e representativos das linguas europeas. Na presentación celebrada na Universidade de Salamanca participaron, ademais de Carmen Mellado, o autor da parte alemá, Hans Schemann, da Universidade do Minho; o decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Salamanca, Vicente González; a decana da Facultade de Tradución e Interpretación desta mesma universidade, Mª Teresa Fuentes; o catedrático da Universidade de Salamanca Manuel Ignacio Montesinos; e a co autora do dicionario, Nely Iglesias.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.10.2013.