Ir o contido principal
STG

A profesora Emilia Vázquez Rozas tomou posesión como decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

O reitor presidiu o acto protocolario de toma posesión, celebrado no Salón de Graos de San Xerome
O reitor presidiu o acto protocolario de toma posesión, celebrado no Salón de Graos de San Xerome
A profesora do Departamento de Economía Cuantitativa Emilia Vázquez Rozas tomou posesión este xoves 24 do seu cargo como decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, nun acto presidido polo reitor Juan Casares. Completan o equipo decanal Mercedes Tato, como secretaria; e Alejandro Ballesteros, Fidel Martínez, Leandro Benito e Loreto Fernández, como vicedecanos. A nova decana vertebrou a súa intervención de toma de posesión no potencial investigador do centro, así como na aposta permanente pola formación dos titulados en Economía e en Administración e Dirección de Empresas que cursan os seus estudos nesta Facultade compostelán, “a máis numerosa en estudantes”, sinalou.

O centro conta, segundo explicou Vázquez Rozas, con importantes grupos e equipos de investigación dun alto recoñecemento na comunidade científica. Neste senso apuntou a modo de exemplo que de entre as 13 revistas españolas en investigación económica de España e América Latina recoñecidas na base internacional Redalyc, tres teñen a súa base editorial na facultade compostelá, con máis de 80 mil lectores. Ademais, engadiu a decana, Ciencias Económicas e Empresariais está incluída en postos destacados da base internacional Ideas, de máis de 5.000 universidades de todo o mundo, tanto polo número de traballos de investigación como nas miles de consultas en liña recibidas. Nos próximos anos, o equipo decanal apostará por continuar fomentando a internacionalización dos alumnos e a súa inserción laboral. Neste senso a decana lembrou que a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais é a primeira receptora e emisora de alumnos de intercambio da USC exceptuando a Filoloxía, con case douscentos alumnos en programas de mobilidade. Neste liña, Emilia Vázquez resaltou a importancia do fomento de actividades complementarias á docencia, “algunha das cales, as relacionadas coa mellora das competencias profesionais, poderían considerarse para a súa valoración como créditos de competencias transversais a todo o alumnado da Universidade”. Con este fin, o centro promove foros de debate, charlas, así como sesións de traballo e discusión como o Club de Emprendedores e o Foro de Emprego, “que contribúen en gran medida a situarnos na vangarda das demandas”. Na súa contestación o reitor fixo unha reflexión sobre o posicionamento e dimensión da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais dentro da Universidade compostelá, conscientes de que “unha universidade e unha facultade teñen que traballar de xeito conxunto”. De feito, neste centro compostelá cursan estudos o oito por cento dos estudantes da USC, sendo unha facultade comprometida coa formación regrada e continuada. Juan Casares agradeceu ao equipo decanal a súa decisión de asumir responsabilidades de xestión, máis en tempos difíciles “nos que hai que facer fronte á situación”. Emilia Vázquez Rozas Mª Emilia Vázquez Rozas iniciou a súa actividade profesional no sector bancario e da alimentación. No eido universitario imparte docencia sobre econometría para Economía e Administración e Dirección de Empresas, ademais de participar en cursos de doutoramento e posgrao. O seu labor investigador xira arredor dos modelos econométricos aplicados ao sector comercial e turismo; sobre economía rexional e eurorrexional; sobre econometría rexional e produtividade; economía europea e inversión directa extranxeira.

Autora de publicacións e artigos en revistas internacionais e nacionais, libros e capítulos de libro, é socio fundadora da revista Investigaciones regionales. Ademais é membro de distintas asociacións de investigación, como Hispalink-Galicia, Asociación de Economía Aplicada ASEPELT-España, Asociación de Ciencia Regional, European Regional Science Association ou da Regional Science Association International.

Equipo decanal e de dirección da USC ao remate da toma de posesión

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2021.