A profesora Isabel Sández Macho tomou posesión do seu segundo mandato como decana de Farmacia

O equipo que encabeza a profesora Isabel Sández Macho ao fronte da Facultade de Farmacia para os vindeiros catro anos terá entre os seus principais retos seguir traballando nunha formación axeitada ao estudantado do centro e que esta “lles permita acceder ao mercado laboral cun óptimo grao de coñecementos e competencias”. Na súa opinión “isto tan sinxelo como elemental, é un dos piares fundamentais da universidade”, manifestou a profesora Sández Macho no acto de toma de posesión como decana deste centro compostelán, cargo para o que foi reelixida o pasado decembro. Completan o equipo decanal a profesora Paz García e os profesores José Ángel Fontenla e Perfecto Paseiro. Na sesión presidida polo reitor Juan Viaño, a decana apuntou a súa reflexión sobre a situación actual da universidade española, que “está a atravesar un momento crítico, no que se está a producir un cambio de tendencia, finalizando unha época e comezando outra”. Nunha análise crítica desa transición Isabel Sández propuxo, a modo de balance, mellorar a coordinación das ofertas académicas para alcanzar unha correcta inversión e xestión dos recursos públicos. Neste sentido, a decana explicou o interese da Facultade pola futura implantación dun grao no ámbito biotecnolóxico ou pola oferta de titulacións dobres. Do traballo realizado nos últimos catro anos, a decana aludiu á consecución do recoñecemento do nivel 3 de Meces á facultade compostelá, primeira española que o obtén, ou aos primeiros postos acadados por titulados da USC nas probas selectivas do exame FIR. Igualmente, subliñou a posta en marcha da aula de Farmacia USC-Cofaga-Cofano, primeira deste tipo nunha universidade pública que, ademais, foi recoñecido por Correo Farmacéutico entre as Mellores Iniciativas da Farmacia en 2014 no apartado de Formación. Entre os retos futuros do centro, Isabel Sández alertou sobre o avellentamento do cadro docente do centro e a imposibilidade de desenvolver unha “verdadeira renovación nas escalas do profesorado” polas actuais taxas de reposición. “Non estamos a incorporar ao noso cadro de persoal a os mozos e mozas investigadores que realizan a súa tese de doutoramento en grupos consolidados da facultade e con este vimbios non podemos construír nada bo”, advertiu. Na súa opinión “é hora de afrontar este tema de xeito radical co propósito de asegurar o futuro das nosas titulacións”. O reitor coincidiu coa decana na lembranza da profesora Seijo Rey e do profesor Torres Labandeira, falecidos recentemente, en recoñecemento á súa dedicación á institución docente. Juan Viaño agradeceu “a renovación do compromiso institucional” do equipo da profesora Sández Macho “ nestes momentos tan difíciles como apaixoantes ” e que se enmarcan nun ciclo marcado pola “espera de importantes cambios normativos e de filosofía sobre a universidade”. O reitor mostrouse confiado en que co avance de propostas e coa atención constante “para adaptarnos continuamente aos novos tempos lograremos que a facultade siga sendo unhas referencias en España, tanto na investigación como na docencia”. Viaño dixo ser consciente que a Facultade de Farmacia é un “centro de prestixio que, sen dúbida, precisa importantes melloras nas súas infraestruturas e na súa dotación docente” e dixo compartir o interese do centro polo traballo na definición de titulacións dobre que amplíen a oferta actual. Isabel Sández Macho Isabel Sández Macho é doutora en Farmacia e profesora do Departamento de Química-Física. Investigadora principal en varios proxectos nacionais e autonómicos, o seu traballo investigador céntrase no estudo superficial de monocapas como modelos de membranas. É autora de 40 publicacións en revistas de alto índice de impacto e ten dirixido sete teses e doutoramento e tesinas de licenciatura. Ademais ten realizado unha estadía de investigación no Max-Planck Institut Biophysikalische Chemie. No ámbito da xestión, foi secretaria do Departamento de Química-Física e vicedecana de Organización Académica e Alumnado, antes de asumir o decanato da Facultade de Farmacia en 2010. O reitor xunto co equipo de dirección da Facultade. Foto: Servimav-USC