A profesora María Isabel González Rey, elixida para un segundo mandato como decana da Facultade de Humanidades

A profesora do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana da USC María Isabel González Rey vén de ser elixida este mércores para un segundo mandato como decana da Facultade Humanidades do campus de Lugo, trala celebración dunha Xunta de Facultade na que a súa candidatura, a única presentada, obtivo 27 votos a favor, un en contra e dúas abstencións.
Os profesores Gonzalo Francisco Fernández Suárez, do Departamento de Historia da USC, en calidade de vicedecano, e José María Anguita, do Departamento de Latín e Grego, como secretario, completan o novo equipo decanal da Facultade de Humanidades liderado por González Rey. O fortalecemento da identidade da Facultade de Humanidades da USC como centro universitario, a través da creación de departamentos e novos grupos de investigación conformados por profesorado e persoal do centro con capacidade para acceder a convocatorias de proxectos de investigación é un dos obxectivos cara os que traballará o novo equipo decanal da Facultade de Humanidades, que tamén prevé aproveitar o proceso de especialización do campus de Lugo agromado no proxecto Campus Terra para mellor o posicionamento do centro no conxunto da USC. González Rey sinalou neste senso que áreas como a internacionalización, o patrimonio ou a formación semipresencial son algúns dos parámetros recollidos no proxecto do Campus Terra nos que a Facultade de Humanidades da USC está chamada e ten capacidade para acadar un maior grao de visibilidade, dadas as actuais singularidades que presenta este centro. O afianzamento da formación de carácter semipresencial como alternativa ás sesións presenciais e a dignificación e posta en valor da cultura en todos os eidos, tanto no que atinxe aos procesos de produción e xestión cultural, así como ás industrias culturais e tamén de ocio, constitúen outros dos desafíos nos quere avanzar o novo equipo encabezado por González Rey. A decana da Facultade de Humanidades explicou neste senso que o citado centro universitario é na actualidade o único do campus de Lugo que oferta dous títulos en modalidade semipresencial, como o son o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e o máster en Servicios Culturais. “Ao ser un centro pioneiro neste tipo de formación semipresencial, a Facultade de Humanidades pode ser un modelo ou referencia para as demais facultades e escolas do campus de Lugo”, indicou González Rey, que cre que esta conxuntura pode resultar vantaxosa para o centro.