Ir o contido principal
STG

Profesorado de Matemáticas participa nunhas xornadas sobre metodoloxías docentes no Grao

A Facultade de Matemáticas acolle estes días as segundas Xornadas sobre metodoloxías docentes no Grao de Matemáticas, nas que participan tanto profesorado universitario como de centros de ensinanza secundaria. Trátase de elaborar un marco que oriente ao profesorado de cara á implicación na titulación de Grao en Matemáticas e que axude a lograr os seus obxectivos formativos. Os asistentes reúnense para analizar os resultados obtidos nos cursos de grao implantados así como a situación actual no ámbito do ensino das matemáticas en secundaria, co obxecto de favorecer a transición ao entorno universitario, e desta forma mellorar o rendemento académico en primeiro curso e evitar o fracaso e abandono no Grao universitario. O curso deu comezo este luns cunha mesa redonda sobre as matemáticas no Bacharelato e as PAU na que participaron José Alberto Berriochoa Esnaola e Miguel Rodríguez-Gigirey Pérez, profesores do IES de Ames e de Arzúa, respectivamente; Agustín Bonome Dopico e Beatriz Rodríguez Moreiras, coordinadores das Probas de Acceso á Universidade e docentes do departamento de Xeometría e Topoloxía; e Luis Hervella Torrón, coordinador do Programa A Ponte. O nivel do alumnado no Grao de Matemáticas foi a cuestión de análise da sesión deste martes, na que interviñeron os profesores Balbina Virginia Casas Mendez, José Carlos Díaz Ramos, José Luís Ferrín González, Celso Rodríguez Fernández e Gerardo Rodríguez López. As saídas profesionais da titulación e as expectativas laborais dos graduados en matemáticas será a cuestión a analizar este mércores 29 ás 16:30 horas nunha mesa redonda na que participarán os profesores Alfredo Bermúdez de Castro, Manuel Febrero Bande e Manuel Ladra González.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2011.