O programa de estímulo do talento matemático Estalmat inicia as actividades da súa quinta promoción

A quinta promoción do programa de estímulo do talento matemático Estalmat inicia as súas actividades este sábado 17, coa inauguración do curso nun acto que presidirá o reitor Juan Casares a partir das 10.30 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas. O programa, avalado pola Real Academia de Ciencias, conta co apoio da Consellería de Educación e da Fundación Vodafone-España. Co obxectivo de estimular o talento matemático en rapaces de 12 a 13 anos, como en edicións anteriores, participarán no programa 25 alumnos que nesta sesión inaugural estarán acompañados das súas familias, autoridades académica e equipo docente do proxecto. Ao final do acto, o alumnado recibirá a súa acreditación das autoridades e profesores, para seguidamente saíren en autobús para un campamento matemático durante a fin de semana en Abegondo-Sada, de xeito que sexa para eles unha primeira toma de contacto nun ambiente lúdico-matemático. No acto de apertura do curso participarán ademais o presidente do Comité Organizador de Estalmat-Galicia, o profesor Juan Viaño Rey, a decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar, así como os representantes dos patrocinadores principais do programa, Manuel Vila López, subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado; Santiago Moreno Fernández, director xeral da Fundación Vodafone-España; Victor Pollán Fernández e Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, coordinador académico e responsable de relación coas familias de ESTALMAT-Galicia, respectivamente. Selección previa Representantes do Comité Organizador e do equipo docente, todos eles profesores de matemáticas de amplo historial no ámbito do ensino secundario e universitario, recibirán aos 25 estudantes que foron seleccionados o pasado mes de maio na proba celebrada na Facultade de Matemáticas da USC. Nesta convocatoria de selección previa participaron un total de 260 estudantes de toda Galicia nacidos en 1998 e 1999. Os participantes, 155 rapaces e 105 rapazas, procedían na súa maioría das provincias da Coruña (127) e Pontevedra (109), seguidas das de Lugo (11) e Ourense (8), tanto do ensino público (174) como do privado (81). Os 25 alumnos seleccionados (12 rapaces e 13 rapazas) pertencen á Coruña (15) e Pontevedra (10). Nos cinco anos dende a súa implantación, ESTALMAT-Galicia ten examinado na Facultade a mais de 1.000 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado a 125 talentos matemáticos para incorporar ás súas actividades. Estímulo matemático Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que dende o ano 1998 se implanta en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Andalucía, Canarias, Valencia e Cantabria. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de 20 sábados do curso académico. O obxectivo é detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia. O vindeiro día 1 de outubro comezarán as actividades dos 25 alumnos do 2º ano (promoción 2010). Ademais, Estalmat-Galicia mantén o programa Estalmat Pi, dirixido a manter o contacto dous anos mais cos alumnos que remataron o seu paso polo programa, con actividades impartidas en seis sábados do curso.
O Proxecto ESTALMAT-España está avalado cientificamente pola Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales e conta co apoio financeiro da Fundación Vodafone-España e do CSIC. O Proxecto ESTALMAT-Galicia, pilotado pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, ademais de participar destas axudas, conta cun financiamento específico da Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria e das Deputacións da Coruña e Lugo e o Concello de Guitiriz. Para acadar máis información, as persoas interesadas dispoñen da web do programa en http://www.estalmatgalicia.com.