Ir o contido principal
STG

Un novo Programa de Estímulo á Transferencia de Coñecemento financiará proxectos con ata 20.000 euros

Imaxe oficial do programa
Imaxe oficial do programa
Diversas sesións de presentación en Dereito, ADE e Xeografía e Historia servirán esta semana para dar conta dos detalles desta iniciativa centrada nas Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas
Lugo, Santiago de Compostela

O Programa de Estímulo á Transferencia de Coñecemento en Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas desenvolverá ao longo desta semana diversas sesións de presentación para dar a coñecer os detalles desta convocatoria que pretende identificar e cofinanciar proxectos cuxas actividades activen ou avancen na transferencia de resultados de investigación da USC nestas áreas. A primeira das sesións terá lugar este martes, 24 de febreiro, ás 12.00 horas, na aula 10 da Facultade de Dereito.

O 25 de febreiro, tamén ás 12.00 horas, será a quenda do Campus de Lugo cunha presentación que se desenvolverá na Aula 2 da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. Finalmente, o 26 de febreiro, á mesma hora, a Aula 6 da Facultade de Xeografía e Historia acollerá a derradeira das presentacións desta semana.

Integrar o coñecemento na cadea de valor

De acordo coa convocatoria, entenderase por transferencia aquelas actividades que permitan integrar o coñecemento na cadea de valor de empresas, entidades públicas, ou outro tipo de organizacións que xeren un impacto social e/ou económico. Cada un dos proxectos seleccionados polo Comité de Avaliación contará cunha financiación máxima de 20.000 euros e os proxectos deberán executarse nun prazo comprendido entre os tres e os oito meses.

Convocarase un comité de avaliación que estará formado por persoal externo á USC, tanto de entidades públicas coma privadas, cunha traxectoria recoñecida nas áreas ou sectores relacionados cos ámbitos da convocatoria. A dirección da Área de Valorización Transferencia e Emprendemento formará parte do Comité, con voz pero sen voto. Todos os proxectos que cumpran os criterios de elixibilidade pasarán por un proceso conformado por dúas fases: preselección por parte do comité de avaliación, segundo a documentación aportada; e defensa oral dos dez proxectos que acaden unha maior puntuación na primeira fase, sempre e cando a puntuación obtida supere os 50 puntos.  
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2026.