Ir o contido principal
STG

O programa de innovación Akademia presentarase este martes na Facultade de Farmacia

No Salón de Graos da Facultade de Farmacia, a USC e a Fundación Bankinter presentarán este martes 23 a partir das 12.00 horas a novena edición do programa de innovación Akademia, que por sexto ano consecutivo se impartirá na universidade compostelá. Este curso é unha iniciativa pioneira que busca estimar unha actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes universitarios/as. O programa, polo que xa teñen pasado máis de 650 persoas, fomenta entre o estudantado a oportunidade de experimentar a innovación dunha forma diferente. Neste senso, o 98% das persoas que o cursaron recoméndano, destacando entre outros aspectos, que Akademia achega ferramentas e conceptos enfocados na innovación que non son específicos dunha disciplina concreta, ofrecendo ao alumnado unha visión máis ampla para a xeración de ideas e resolución de problemas. Quen se achega ao curso analizará tendencias da innovación tratadas no Future Trends Forum e traballará en grupos multidisciplinarios na creación e desenvolvemento dun proxecto innovador. Esta é unha acción formativa dirixida para alumnado de grao ou posgrao e que teñan unha mente inquieta disposta a asumir o reto da innovación. As persoas interesadas en participar deben enviar o seu currículo antes do 5 de outubro a akademiafibk [at] bankinter.es (akademiafibk[at]bankinter[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.09.2014.