O programa de préstamo de bicicletas, que agora remata para este curso, cumpre obxectivos
A USC procederá a vindeira semana, concretamente o 9 en Compostela e o 10 en Lugo, a recoller as últimas bicicletas postas á disposición da comunidade universitaria no marco do Programa de préstamo do curso 2009/2010, que ten como obxectivo a promoción do seu uso como medio de transporte máis respectuoso co medio ambiente. A este respecto, e tal e como lle consta aos seus responsables, os hábitos da comunidade universitaria vanse modificando paulatinamente e tornan cara a este novo modelo de mobilidade. Segundo o estudo anual sobre hábitos de transporte na USC elaborado pola Oficina de Desenvolvemento Sostible en decembro de 2009, un 61% dos membros da comunidade universitaria soen desprazarse a pé aos seus centros de traballo ou estudo, o que constitúe un incremento do 7% respecto a 2007; un 29% faino en automóbil (un 26% menos que en 2007); un 20% en autobús (incremento do 31%); e un 4% en bicicleta, o dobre que en 2007. O programa Trátase dunha iniciativa da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC dependente da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade posta en marcha hai xa varios anos. Unha vez recollidas todas as bicicletas, procederase á súa revisión técnica e posta ao día para que estean dispoñibles para o ano académico que comeza.
Nesta cuarta edición participaron preto de 300 persoas, das que 226 eran estudantes, 19 persoal docente e investigador e 17 persoal de administración e servizos. Por centros, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais foi a que rexistrou unha maior implicación, co 12% do total en Compostela, mentres que en Lugo a Escola Politécnica Superior levouse o 44% do total dese campus.