Ir o contido principal
STG

A promoción 2003-2008 de Veterinaria recibe este sábado as súas insignias de licenciados nun acto no Auditorio

Un total de 64 alumnos participarán este sábado 26 no acto de licenciatura da promoción 2003-2008 da Facultade de Veterinaria de Lugo, da que é madriña a profesora Sonia Vázquez Rodríguez. Este acto está organizado conxuntamente co Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo.
A sesión dará comezo ás 11:00 horas no Auditorio da Facultade de Veterinaria. Estará presidida polo vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, ao que acompañarán o presidente do Consello Galego de Colexio Veterinarios, José Eugenio Rey Fernández; a presidenta do Colexio de Veterinarios de Lugo, Patricia González-Seco Vijande; a vicedecana Ángeles Moreno; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo, e un vicepresidente da Deputación Provincial.
Tras a breve intervención dos membros da mesa presidencial procederase á entrega do premio Sergio Vidal de investigación. Esta distinción recaeu este ano en Montserrat García Lavandeira, do Departamento de Fisioloxía da Facultade de Medicina de Santiago.
Durante o acto, o doutor David Muñoz, xefe de Patoloxía no hospital St Michael e profesor de Anatomía Patolóxica da Universidade de Toronto (Canadá), ofrecerá unha conferencia co título ‘Dexeneración lobular fronto-temporal. Neurodexeneración por haploinsuficiencia do factor de crecemento’.
Destaca tamén no programa a intervención de Ana María López Pombo, vogal da Sección Social e Laboral do Colexio Oficial de Veterinarios de Lugo, para falar de “Un paseo diferente pola profesión veterinaria”.
Tras a intervención de Flor Costoya Vázquez e Daniel Rodríguez Tuñón, representantes dos alumnos, e da madriña, entregaranse os xuramentos de médico veterinario e a insignia de licenciado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.04.2008.